Unha viaxeira Faragulliña de pan preséntase aos máis pequenos

Unha viaxeira Faragulliña de pan preséntase aos máis pequenos

03 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Faragulliña”, é un conto infantil escrito en verso, que narra unha doce historia na que a familia, a amizade e o amor, son o fío conductor. Nel tamén se fai un eloxio ao pan e aos seus derivados, alimentos procedentes de produtos naturais aconsellables para unha alimentación equilibrada e sana. O libro do escritor Xoan García, natural de Barallobre, presentaráse ás oito desta tarde na Casa da Cultura de Neda.

“Faragulliña” trátase dun volume especialmente adicado aos nenos e nenas e protagonizado polo pan de Neda. Un libro gardado na artexa dos recordos do autor e que agora ve a luz grazas á Deputación da Coruña e ao Plan de Dinamización Ferrol- Ortegal.

Máis que un conto, é un canto á vida, ao amor, á amizade. Pero tamén un chamamento aos pais para que recuperen para os seus fillos os produtos naturais.

A historia céntrase en Faragulliña, unha miga de pan doce e intelixente que convive ao pé da Fervenza do Belelle nun muíño restaurado. Boliña de Ovos e Molete de Pan son os seus dous compañeiros de aventuras. Viaxan xuntos polo mundo á Praia de Cabanas, á Feira do trece, ás Romarías da Cela e Chamorro, ao Carme de Barallobre. Coñecen moita xente á Bica de Ourense, á Proia de Pontedeume, ao Polbo de Mugardos , ao Requeixo da Capela. Na súa andadura chegan a París onde fan amizade coa parella Croissant e Baguette.

Unha exaltación do famoso Pan de Neda, onde os forneiros comezaron a traballar no século XVI no reinado de Felipe II. O pan, un elemento moi literario xa utilizado por poetas como Neruda.

A portada e contraportada é en cor mentres que os debuxos son en branco e negro para poder ser coloreados polos nenos. 8.000 exemplares de “Faragulliña” repartíranse gratuitamente nas bibliotecas, escolas ou entidades. Esta tarde, na presentación, faráse a primeira entrega de libros. Este domingo na Festa do Pan de Neda, o pan e “ Faragulliña” compartirán protagonismo. Como gran viaxeira que é acudirá á festa acompañada , deseguro, cos seus compañeiros de aventuras, Boliña de Ovos e Molete de Pan.

Sociedade