Unha visita Real e máxica

Unha visita Real e máxica

02 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os Reis Magos de Oriente chegarán a Ferrol o vindeiro luns para percorrer as diferentes parroquias da zona rural. Será a partir das catro do serán e o punto de partida será o local da Xunta Veciñal de Doniños. A cabalgata está organizada pola Agrupación de Veciños da Zona Rural e conta coa colaboración do Concello.

Este ano, na súa visita á zona rural, Melchor, Gaspar e Baltasar terán ocasión de saudar aos nenos e nenas acompañados dos seus paxes a bordo de tres carrozas, que os levarán por Lago, San Xurxo, Esmelle, Marmancón, Mandiá, Santa Cecilia, Pazos, Serantes, Viladóniga, Brión, Valón e A Cabana. A este último punto está prevista a chegada das Súas Maxestades ás 21.30 horas, punto final do percorrido, durante o cal repartirán un total de 240 kilos de caramelos.

Como colofón ás festas de Nadal na cidade, o vindeiro martes celebrarase a tradicional cabalgata dos Reis Magos polo centro de Ferrol. O percorrido comezará ás 18.30 na rúa Venezuela do barrio de Ultramar e concluirá na praza de Armas onde está previsto que Melchor, Gaspar e Baltasar reciban aos nenos e nenas horas antes de iniciar o reparto de xoguetes nas súa casas.

Sociedade