Unidos pola música

Unidos pola música

16 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Coral da Sociedade O Pote de Maniños viaxa esta fin de semana a Navalmoral de la Mata en Cáceres. Con este desprazamento, a agrupación fenesa devolve a visita realizada en setembro pasado pola coral extremeña Amigos de la Música a Fene.

Moi ilusionados pola viaxe que están a piques de emprender, os compoñentes da coral de Maniños amósanse satisfeitos polo resultado deste intercambio que podería dar pe, incluso, a un irmanamento entre ambas as dúas formacións. Asegurouno esta mañá en Radiofusión o presidente do Pote, Gerardo Pérez Sas, ademais de anunciar que a Sociedade non descarta iniciar contactos para procurar novos intercambios con outras agrupacións musicais.

Dezaseis horas de viaxe agardan esta fin de semana á Coral do Pote para ver materializado o seu soño de actuar de novo a carón dos Amigos de la Música. Aínda que descoñecen os pormenores da súa curta estadía na localidade cacereña, os feneses agardan desfrutar da súa paisaxe e gastronomía. Ademais aseguran que teñen preparada unha actuación especial para o festival que organizou para o sábado a coral anfitriona.

Trinta e tres persoas compoñen na actualidade a coral do Pote. Un dos seus membros, Manuel Quintía, asegurou a Radiofusión que “a formación vive na actualidade unha época floreciente, con moitas actuacións”.

Sociedade