A Universidade da Coruña internacionalízase

A Universidade da Coruña internacionalízase

16 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Universidade da Coruña impartirá o vindeiro curso catro programas de simultaneidade, dos que dous se implantan por primeira vez. Ciencias Empresariais + Arquitectura Técnica e Bioloxía + Química veñen a sumarse aos dobres títulos de ADE + Dereito e Turismo + Ciencias Empresariais que xa se impartían na UDC cun notable éxito académico e cunha alta demanda. Estes programas de simultaneidade contan cun plano de estudos específ

Ademais, entre as novidades da Universidade da Coruña para o vindeiro curso está a ampliación das clases en inglés en tres titulacións máis. Deste xeito, os estudantes poderán recibir as súas clases de grao en inglés nas titulacións de ADE, Química, Bioloxía, Enxeñaría Naval e Oceánica, Dereito, Arquitectura e Arquitectura Técnica, sendo estas tres as últimas en incorporarse á docencia en inglés.

Na aposta pola internacionalización, a Universidade da Coruña conta ademais cunha completa listaxe de mestrados, dos que cinco se imparten con universidades de Alemaña, Francia, Portugal e Italia. O Mestrado da ETS de Camiños, Canais e Portos en Enxeñaría da Auga coa Universidade de Magdeburgo, Alemaña; Mestrado da Facultade de Ciencias en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, coa Universidade de Palermo, Italia; o Mestrado da Facultade de Filoloxía en Literatura, Cultura e Diversidade, coa Universidade do Minho, Portugal, o Mestrado da Facultade de Socioloxía en  Migracións Internacionais: Investigación, Políticas Migratorias e Mediación Intercultural, coa Universidade de Poitiers, Francia; e o Mestrado da Escola Politécnica Superior en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía coa Universidade de París Diderot, Francia.

Os alumnos que cursen mestrados internacionais teñen a opción de realizar estadías nas universidades foráneas, ademais de realizar as prácticas formativas en empresas estranxeiras.

A Universidade da Coruña dispón dunha páxina web específica con toda a información das titulacións de grao e mestrado: http://estudos.udc.es/gl/degrees ademais dun espazo virtual onde os alumnos poderán informarse de todo o relativo ao acceso á universidade e realizar a súa matrícula: http://www.udc.es/matricula/
Dentro da oferta formativa de posgrao, a Universidade da Coruña ofrece o próximo curso 35 cursos de doutoramento no marco da recén creada Escola Internacional de Doutoramento. Os alumnos poden acollerse neste caso a axudas universitarias para realizar estadías en universidades estranxeiras de referencia para elaborar a súa tese de doutoramento. http://www.udc.es/ensino/doutoramento/

A UDC destina dos seus fondos propios un total de 1,5 millóns de euros en axudas e bolsas ao estudantado, tanto para o acceso á universidade como axudas ao transporte, aloxamento ou premios extraordinarios de fin de carreira, entre outras accións: Tamén dispón dun fondo social para aqueles alumnos que, por causas económicas sobrevidas, non poden abonar algún dos prazos de matrícula. Este fondo social, dotado este curso con 15.000 euros, está aberto durante todo o ano para que no momento en que suceda a causa sobrevida, o estudante poida acollerse a ela.

Sociedade