A Universidade tamén di “non” ás bases do decreto

A Universidade tamén di “non” ás bases do decreto

20 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Malia que o decreto do plurilingüismo non lle afecta directamente, por canto regula o ensino non universitario, a educación superior puxo as barbas a remollo. As tres academias galegas, tal e como prometeran os reitores a pasada semana, deron a coñecer un texto consensuado no que responden ás Bases para a elaboración do decreto. As Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo din “non”.

Nin o fondo nin as formas de obrar da Xunta convencen nos paraninfos das academias. A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística critica que, á hora de reformar o sistema educativo, o Goberno non contase coas universidades para informar ou opinar sobre a proposta. O malestar da Universidade atinxe tamén ao contido da reforma e explica o seu rexeitamento ao borrador de decreto mediante un documento de oito puntos. Nel conclúese que o texto da Consellaría de Educación “recolle unhas porcentaxes de utilización do galego e uns medios para decidir a lingua vehicular das diferentes materias nos currículos escolares que supoñen, de se consolidar, a formulación que desde o Estado español menos defende as linguas propias”. Os tres centros superiores sinalan tamén que “con estas bases non se aseguraría a competencia necesaria en lingua galega nin se garantiría a equivalencia de coñecementos entre o galego e o castelán ao remate do ensino obrigatorio”.

Dende Fonseca, a Maestranza e o Cuvi resólvese que o establecemento da lingua galega “como idioma vehicular na formación obrigatoria é a única garantía do dominio terminolóxico necesario no contexto do ensino superior”, onde a presenza do galego na docencia “é moi escasa”, láianse.

En referencia á consulta aos pais, respóndese que deben ser as autoridades educativas as que establezan os currículos educativos e advírtese que a diversidade de opcións “pode provocar fortes fracturas sociais”.

Finalmente, a Comisión Interuniversitaria demanda do Goberno a modificación das Bases do decreto, “de acordo coa lexislación vixente” para potenciar o emprego do galego “como principal sinal de identidade cultural”.

Sociedade