UXT propón reducir xornada para evitar despidos nas auxiliares de Citroen

UXT propón reducir xornada para evitar despidos nas auxiliares de Citroen

01 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

UXT propón reducir a xornada nas fábricas que fornecen pezas a Citroën para evitar que estas apliquen despidos a raíz do recorte do 40% da produción anunciado pola factoría de PSA. Os responsables uxetistas, advertiron hoxe en Vigo que non aceptarán expedientes de regulación de emprego por esta causa, aínda que recoñeceron que a situación na que está o sector é delicada.

O secretario xeral de UXT Metal en Galicia apuntou que este descenso na produción é conxuntural, que remontará e plantexou unha suspensión de quendas rotatorias como alternativa á rescisión de contratos. Manuel García propuxo que o tempo que estea parada a planta se empregue á formación do persoal á vez que esixiu unha rápida reunión da Mesa Sectorial da Automoción.

Rubén Pérez, membro do Comité de Empresa de Citroën, pediu que se manteñan as axudas para a compra de coches, sinalou que o descenso da produción nas empresas auxiliares estará "entre 18 e un 40%" dependendo da súa relación coa empresa principal. Adiantou que os sindicatos examinarán caso por caso, "xa que non todas as auxiliares están na mesma situación".

 

Precisamente nesta xornada fixéronse públicos os dados de vendas de automóbiles en febreiro, mes no que aumentaron un 47%, dado que se atribue ao efecto do plan do goberno.

Sociedade