Vázquez critica o recorte do financiamento para limpeza de fincas

Vázquez critica o recorte do financiamento para limpeza de fincas

22 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, referiuse hoxe aos problemas que están a ter os concellos galegos para facer cumprir a norma de limpeza dos montes para a prevención de lumes, e denunciou  a “irresponsabilidade” do Goberno galego ao recortar os orzamentos nesta materia  e a súa falla de apoio aos concellos. Vázquez apuntou que os concellos “non dan abasto porque o Goberno galego lles recortou o financiamento para limpeza de fincas&rdq

“O colmo desta situación é botarlle a culpa aos concellos dos lumes que se produzan en Galicia”, apuntou Vázquez, polo que esixiu ao Goberno galego “que asuma as súas responsabilidades e se implique no cofinanciamento das medidas de prevención contra os lumes nos concellos” porque no caso contrario, advertiu, “asistiremos máis pronto que tarde a unha desgracia”.

Neste senso, subliñou que na actualidade Galicia “está no ciclo de máximo risco de lumes” o que supón que en caso dun verán caluroso e con poucas chuvias  “Galicia será unha caldeira”.

Advertiu do risco que supoñen os lumes non só nos montes, senón nos núcleos rurais, xa que  moitos deles están alonxados, con dificultade de accesos ou soamente viven dúas ou tres persoas. Por elo, demandou ao Goberno de Feijóo que manteña  “o compromiso de limpeza das franxas de 200 metros de prevención de perímetros de núcleos rurais do anterior Executivo” xa que “os concellos non poden asumilo e ten que ser a Xunta a  que se implique”.

 “O Goberno galego non pode botarlle isto enriba do lombo aos concellos”, apuntou Vázquez, e engadiu que “si esa é a austeridade de Feijóo, non a queremos”.

Sociedade