Vacacións en Ribadeo

Vacacións en Ribadeo
11 de Novembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Ribadeo, o paraíso da infancia de Lois Pérez sérvelle de inspiración ao autor no libro “A gruta da torre”, que presenta este venres no Club de Lectura de Radio Fene. A novela, editada por Xerais, con ilustracións de Rosalía Díaz, foi galardoada co V Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade. “O fundamental é que flúa o caudal de experiencia, visitar a infancia desde o coñecemento da idade adulta”, reflexiona o autor sobre as dotes precisas para facer literatura dirixida á rapazada.

 

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía: Xan Xe

“Eu intento deixar a un lado a autocrítica, intento abandonarme á recreación, á experiencia e fundirme no recordo para mergullarte nesa época”. Ribadeo “marcoume moitísimo porque na infancia todo ten moito significado; cada obxecto, cada lugar, as persoas, os sentidos e a experiencia invádeno todo, inflúe de maneira transcendental.” 

Nesta novela de aventuras, Pérez crea unha historia que mestura realidade e ficción. Escenarios reais e nomes de persoas que poboaron a súa infancia ao servizo da literatura. Empregando como símbolo un misterioso túnel, o pasadizo que se abre diante desta cuadrilla de rapaces. “Os nomes son verdade. Quique, Marina, Greta, Vanesa, Con algúns destes nenos e nenas reencontreime hai algunhas semanas, algúns había 30 anos que non os vía”. 

 

Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora