A vaga de incendios de 2006 custoulle a Galicia entre 258 e 336 millóns de euros

A vaga de incendios de 2006 custoulle a Galicia entre 258 e 336 millóns de euros

13 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A economía galega perdeu entre 258 e 336 millóns de euros durante a vaga de incendios de 2006. Este é un dos datos que se poden tirar da primeira investigación que analiza as consecuencias deses incendios máis aló do curto prazo. Trátase do estudo Valoración medioambiental, cultural e paisaxística dos espazos rurais galegos financiado por Caixa Galicia.

Ata o de agora, o custe económico da vaga de lumes que asolou Galicia durante o verán de 2006 só se medira atendendo ao curto prazo. Porén, esas lapas non só deixaron tras de si masa forestal afectada, senón tamén eliminación de biomasa, destrución da biodiversidade ou perda da fixación do CO2. Segundo os cálculos das investigadoras María Loureiro e Melina Barrio, os incendios custaron á economía galega entre 258 e 336 millóns de euros.

Malia todo, nesa estimación non se teñen en contan nin as inundacións posteriores nin posibles danos máis a longo prazo. Co obxectivo de que no futuro se poidan realizar estimacións con maior exactitude dos danos causados por catástrofes coma esta, as investigadoras galegas traballan agora nun proxecto europeo que desenvolve novas metodoloxías de análise.

O estudo Valoración medioambiental, cultural e paisaxística dos espazos rurais galegos analiza outras cuestións relativas ao medio natural da comunidade. A principal conclusión que se pode tirar dos datos recollidos é que Galicia conta cunha enorme riqueza natural, pero que que ese potencial non se atopa o suficientemente explotado. María Lourenzo incidiu en Radiofusión na necesidade de apostar por un desenvolvemento sostible acorde co noso medio.

 

 

Sociedade