Vai chover

Vai chover
29 de Setembro, 2020 - 11:44 h. | Publicada por Radio Fene

Sillobre quere perpetuar a memoria popular das súas lavandeiras erguendo unha escultura de homenaxe ao seu sacrificado oficio.

ESCOITA O PODCAST:
Amparo Saavedra, Ana Basoa, José Sardiña e Estefanía Purriños

Vai chover!! Na fala das lavandeiras significaba que había que recoller “a todo filispín” a roupa dos tendais para non estragar o traballo realizado polas mulleres que se dedicaban a este oficio, tan laborioso e mal pagado. O tempo pasou e xa non quedan en Sillobre máis que as fillas e netas daquelas mulleres, numerosos lavadoiros e a memoria popular dese oficio exclusivamente femenino, escravo, que tinguía a Sillobre (Fene) de branco inmaculado ata semellar que nevaba nas terras de San Ramón e Santa Mariña.

Para que a memoria destas mulleres non se perda naceu hai seis anos o "Encontro das lavandeiras de Sillobre”. Pero non é suficiente, a veciñanza quere rendirlles homenaxe coa colocación dunha escultura encravada nun lugar ben visible que diga que Sillobre foi terra de lavandeiras. Lanzaron a luva á concelleira de turismo de Fene, Ana Basoa, quen acompañou á técnica de turismo, Estefanía Purriños, a Amparo Saavedra e ao presidente de Agarimo, José Sardiña.

Amparo Saavedra é neta e sobriña de lavandeiras e unha das mulleres que se encargan de organizar polo mes de maio a recreación. Hoxe, no programa adicado ao turismo en Fene, escoitamola describir minuciosamente cada paso do oficio de lavandeira, de como as mans da súa tía estaban abultadas e roxas do contacto coa auga fría do Belelle. Estefanía Purriños relatou o importante número de lavadoiros catalogados que quedan en pé en Sillobre e no resto das parroquias de Fene, como testemuñas dun pasado relativamente cercano que se debe conservar.

José Sardiña explicou as orixes desta festa que non se puido celebrar este ano a causa da alarma sanitaria. Como tampouco pudieron celebrar o 50 aniversario do nacemento do grupo de teatro que dirixe Andrés Picallo; tampouco o 25 aniversario da coral, a Santa Compaña ou as camiñatas nocturnas pola parroquia. Ana Basoa comprometeuse a potenciar un turismo máis humano, e que mellor exemplo que a recreación das lavandeiras de Sillobre para entendelo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora