As vellas neveiras de hoxe son os parques infantís do mañá

As vellas neveiras de hoxe son os parques infantís do mañá

10 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O que hoxe é un vello colchón ou un frigorífico en desuso mañá pode converterse nun parque infantil. A empresa Galopín, dedicada ao deseño das zonas de lecer dos nenos, e a planta de tratamento de residuos Cespa asinaron un convenio que, coa colaboración do Grupo de Polímeros da Universidade da Coruña, permitirá aproveitar un residuo nocivo que ata o de agora permanecía nos vertedoiros.

O obxectivo do proxecto é sacar proveito do poliuretano que permanece no illamento das neveiras ou no látex dos colchóns. O traballo dos investigadores da universidade coruñesa descubriu que, co tratamento axeitado, este residuo perigoso que se adoita desbotar pode ter aplicacións prácticas de grande interese, como a descontaminación de augas ou a rexeneración dos campos. Mentres se desenvolven esas ideas, outra das liñas de investigación está a piques de facerse realidade: a de utilizar ese material para a creación de elementos nos parques infantís.

O convenio con Cespa é un novo paso na traxectoria de Galopín, empresa que, segundo declarou o seu director a Radiofusión, conta cunha importante vocación ambiental. A firma presume, entre outros logros, de recuperar a sostibilidade do entorno no que se instalou ou de pór en marcha terapias asistidas con animais.

Sociedade