Vendemos valores

Artes Marciais Fene pon en marcha o novo curso co protocolo do CSD
21 de Setembro, 2020 - 10:38 h. | Publicada por Radio Fene

Vinte anos de historia avalan á escola Artes Marciais Fene que, adaptada ao protocolo da Covid19, ponse en marcha. Judo e Karate son as disciplinas que se imparten na escola de base e na preparación para a competición.

ESCOITA O PODCAST:

Artes Marciais Fene é unha escola veterana, con 20 anos de vida, que recolleu no seu día a grande afección polo judo e o karate que había en Fene. Son as dúas disciplinas que se imparten no club que ten unha dobre vertente; ser escola de base e preparar a competición de adultos. Suman entre uns e outros unhas 200 persoas matriculadas. Este ano o obxectivo é poder manter os grupos que tiñan, daí que lancen unha mensaxe de tranquilidade aos país e nais. A Covid19 obrigounos a adaptarse á nova situación e a adoptar o protocolo aprobado polo Consello Superior de Deportes e a Xunta de Galicia. Desde o pasado venres xa empezaron a traballar seguindo unhas pautas de lavado de calzado, desinfección de mans e toma de temperatura. Os judocas deben usar mascarilla ata chegar ao tatami onde se respecta a distancia de seguridade. Cada alumno ou alumna dispón de catro metros cadrados para traballar só. Non hai combate pero si un pequeno contacto e traballo táctico.

Cóntanos o profesor de judo de Artes Marciais Fene, Alberto Castro, que o 4 de setembro xa celebraron os exames e 1º e 2º dan e para monitores. Acudiron 11 en judo. “Foron exames especiais, sen parella, imaxinándoa, utilizando bonecos ou traxes de judocas” Explica Castro que desde Artes Marciais Fene compiten en todos os niveis, desde local a internacional. Nas súas filas está Alberto López Polo, sétimo do mundo en veteranos. Acudiron a dous campionatos de Europa, celebrados en Fuengirola (Málaga) e Coimbra (Portugal). Orgullosos están do seu alumno Bruno Carrodeguas que con 13 anos foi admitido no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, como externo.

“Este ano as competicións están convocadas pero non sabemos se se realizarán” . Probablemente este ano non se celebren en Fene dúas citas que reúnen a centos de judocas como son o “Minikatas” de decembro ou o “Xogajudo” en febreiro. A escola de judo e Karate teñen aberta aínda a matrícula para este curso. Para o resto permanece aberta todo o ano. Alberto Castro explícanos nesta entrevista como discorre o día a día na escola fenesa pero tamén das vantaxes físicas e psicolóxicas que ten a práctica destes deportes de orixe oriental. As habilidades físicas son moitas e o fomento da autoestima é a característica máis relevante. “Vendemos valores , respeto ao contrario…”. No horizonte teñen retos como o campionato do mundo de veteranos en Xapón que se celebrará despois dos Xogos Olímpicos. 

Deportes

Publica o teu comentario agora