Vender con amor

Vender con amor
13 de Maio, 2020 - 11:10 h. | Publicada por Radio Fene

A zapatería infantil e xuvenil "Mismores" abre as súas portas en Fene cubrindo un sector que non existía ata o momento. Venden zapatos cómodos e de calidade para a xente moza.

ESCOITA O PODCAST:

“Mismores” O nome é unha homenaxe aos seus pais porque así chamaron sempre á súa neta, á vez filla de María García. Ela e máis a súa irmá Conchi acaban de facer realidade unha vella idea, abrir unha zapatería infantil e xuvenil, inexistente en Fene. “Cada vez que tiña que mercar uns zapatos á miña filla, tiña que desprazarme” apunta María quen, coa súa irmá, acumulan experiencia traballando cara ao público. “Meu pai ensinounos moito. Foi triste pechar a tinturería pero os tempos cambiaron” afirma María, filla do coñecido tintureiro e exconcelleiro de Fene, Antonio García Riero.

Mismores ocupa o mesmo local que durante moitos anos ocupaba o bar Os Montañeiros, na avenida do Concello de Fene que, con esta nova proposta, convertese na zona cero do comercio fenés. Nada que ver aquel bar de antano con este local, decorado con moi bo gusto. “Estamos contentas de ver como quedou o local” afirma María.

Ofrecen calzado cómodo e de calidade, de fabricación española, avalado polos colexios de pediatría e podoloxía e para todos os gustos e economías. Levan dous dias co comercio aberto e xa comprobaron que esta tempada a xente busca calzado máis cómodo e menos de vestir, dadas as circunstancias. "Sabemos que se cancelaron moitos eventos que requirirían calzado de vestir, pero iso quen ía sabelo antes da alarma sanitaria?" comenta María García.

María e Conchi tiñan todo preparado para inaugurar o Día do Pai, o 19 de marzo, e “levamos un pau moi grande porque os pedidos estaban feitos e houbo que pagar facturas sen ter gañado nada”. Pero conclúe, “sairemos adiante”. Cando entren en Mismores atoparanse con dúas rapazas simpáticas porque xa dí o refrán chino, “Se non sabes sorrir, non poñas tenda”. Dúas rapazas que saben como coidar aos clientes porque o mamaron desde pequenas. Non teñan ningunha dúbida en achegarse a Mismores, na avenida do Concello de Fene.

Sociedade

Publica o teu comentario agora