Viñales, mogotes e tabaco no occidente de Cuba

Viñales, mogotes e tabaco no occidente de Cuba
11 de Novembro, 2019 - 08:52 h. | Publicada por Radio Fene

Chámanlle Viñales, aínda que viño non hai. Non será porque non o intentaron introducir aquí os conquistadores españois. A terra abofé que é fértil, pero coa calor destas latitudes foi todo un fracaso. Este lugar, un amplo val de verde de vexetación e rochedos xigantes, está situado en plena provincia de Pinar del Río, no extremo occidental da illa.

ESCOITA O PODCAST:
Viñales en Cuba

No medio da planicie, pequenas montañas que sobresaen, coñecidos como mogotes. Na chaira, palmeiras e terreos de cultivo. A paisaxe é moi diferente á galega, pero tan verde que, sen pretendelo, recorda á nosa terra. A zona é eminentemente agrícola. Vive tamén do turismo, da sucesión diaria de autobuses ateigados de excursionistas que fan unha ruta pola zona. O Estado, de feito, vende viaxes dende a Habana por uns 60 cucs, uns 55 euros. Parada obrigada, o miradoiro de Los Cogotes, dende onde se observa unha panorámica de 180º das particulares formacións montañosas.

Alí, como en case que calquera recuncho de Cuba, música ó vivo na procura dunha moeda. Tamén dous postos de venda de recordos e unha paciente vaca que agardaba, atada a unha póla por unha fina corda, ser fotografada na compaña dun visitante a cambio dunha propina. Asomámonos ó mirador. A paisaxe, impresiona.

Baixando dese mirador, deixamos a estrada principal e metémonos por camiños estreitos que se entrecruzan, todos eles ateigados de pequenas e humildes casas, algunhas pintadas de rechamantes cores e outras xa, descoloridas. Todas eles teñen diante un porche cuberto no que, sen excepción, hai polo menos un par de mecedoras. Así chegamos á Casa do Veguero, un secadoiro de tabaco rodeado de terras vermellas recen aradas. Alí, recibiunos home que nos ensinou a "torcer" puros.

Sentado nunha cadeira e baixo a nosa atenta mirada, o home demostrounos a súa habilidade á hora de confecciona-los habanos, presumindo de que aquelas son as mellores follas de tabaco do mundo. Contounos que o 90% do que producen nestas terras cómprao o Estado. O 10% restante queda en mans dos produtores, que dispoñen del para vendelo ós turistas e para consumo propio.  Unha experiencia diferente, que rematou co acendido duns cantos puros.

Pero claro, nunha viaxe de galegos, como non podía ser doutro xeito, a terra sempre está presente. Alí, na Casa do Veguero, mesmo houbo quen se lembrou de cando no noso país se plantaba tabaco. A andaina da expedición de Caamouco pola provincia de Pinar del Río rematou no coñecido como Mural da Prehistoria, situado no Val de Dos Hermanas. É unha dos máis grandes do mundo, con 80 metros de alto e 120 de lonxitude. Foi pintado nun mogote en 1964 por Leovigildo González. Representa a evolución da vida nun sentido natural.

Cada certo tempo, os pinceis volven á pedra. Fanse rehabilitacións frecuentes deste mural, nun complicado proceso no que nalgúns casos mesmo se chegaron a investir cinco anos.Alí, por certo, ó pé deste particular monumento, venden a piña colada máis saborosa de toda Cuba. A fama polo menos tena. Moitos dos que viaxamos coa Tenencia comprobamos que se non é a mellor, non lle anda lonxe: feita sen présas e ó gusto do consumidor. Cada un que lle bote a cantidade de ron que lle preste. A botella déixana enriba da mesa, como se foramos da casa.

 

 

Sociedade

Comentarios

A lectura trasportoume de novo a ese campo cubano e ó recordo das suas xentes.Como se voltara a estar alí neste preciso momento.Gracias
Nome: 
Ester

Publica o teu comentario agora