A vicepresidenta da Deputación de Lugo en liberdade sen cargos

A vicepresidenta da Deputación de Lugo en liberdade sen cargos

03 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, foi posta onte en liberdade sen cargos, aínda que suxeita a investigación, tras ser detida e declarar ante a xuíza encargada do caso das supostas irregularidades na contratación de obras no Concello chairego de Castro de Rei. A responsable provincial foi conducida ás dependencias policiais xunto con dous funcionarios, a técnica de emprego, Silvia Castro e o responsable de obra nova

A xuíza do xulgado número 3 de Lugo, Estela San José, decretou onte o rexistro da sede do Instituto Lucense de Desarrollo (Inludes), que dirixe Méndez, na busca de documentación relativa á adxudicación de obras do Plan de Obras e Servicios (POS) e de subvencións por este departamento dependente da Deputación. A intervención está relacionada coas dilixencias abertas polo caso de Castro de Rei, polo que foron detidos e imputados a semana pasada por un suposto caso de prevaricación e tráfico de influencias o alcalde deste municipio, Juan José Díaz Valiño, e tres dos seus concelleiros, os socialistas Antonio Balado e Ana Canto e o do TEGA, Roberto Lorenzo.

 

 

O rexistro complementaría o levado a cabo no concello de Castro o pasado luns, 26 de outubro, no que se apropiaron de 11 caixas con documentos relativos á concesión de obras e servizos do citado POS e do Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL), mais coñecido como Plan E.

O responsable de obra nova, José Antonio Mondelo, abandonou os xulgados a última hora da mañá tras prestar declaración perante a xuíza, mentres que Méndez e Castro tiveron que esperar ata a noite tras facer o propio. Ámbolos tres quedaron en liberdade sen cargos, polo que parece que a súa detención obedecía mais ao traballo de completar información sobre o caso de suposta corrupción en Castro de Rei, mais que nunha implicación directa deste órgano provincial.

Sociedade