Vidas & Economía

Vidas & Economía
21 de Abril, 2020 - 10:06 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos coa profesora de Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid, María Lois, sobre a crise sanitaria do Covid19 e sobre as consecuencias socias e políticas que podería deixar no camiño.

ESCOITA O PODCAST:

Nesta crise do Covid19 no mundo conviven dúas realidades en teoría contraditorias. Por unha banda, percíbese un reforzamento das mensaxes  autoritarias e pola outra aparece con forza o empoderamento cidadán, con iniciativas de agrupamento e solidariedade. Así ve á situación a profesora de Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid, María Lois. A valoración do sector público é un consenso que medra porque se puxo de manifesto nesta crise que sen un servizo público na educación, na sanidade e na atención ás persoas maiores e dependentes non podemos saír adiante. “Confiemos en que o sector público saia reforzado” declara María Lois. E engade que sería insoportable, referíndose á sanidade pública, continuar cos contratos precarios pero tamén coa situación que viven en xeral os coidados.
María Lois lembra o castigo aos partidos tradicionais despois da crise do 2008.  No barómetros do CIS e nas últimas enquisas vese, ao contrario, que se manteñen o PP e o PSOE, mentres que Vox e Unidas Podemos apuntan tendencias á baixa. En clave galega, coas autonómicas pendentes de convocar, Lois afirma que o único que podería facer tremer a posición privilexiada do PP en Galicia é a mala xestión da crise sanitaria nas residencias de anciáns, públicas e privadas, ao que se pode sumar o paridoiro de Verín e a sanidade en xeral. Pero Feijoo, conclúe Lois, ten a favor que mantivo unha posición máis leal ao goberno central na xestión desta crise, contrariamente ao que fan os populares no conxunto do Estado. “O BNG segue en constante ascenso e a incógnita está na evolución do PSdG cuxo resultado estará moi vinculado ao que ocorra co PSOE non conxunto do Estado”.

En relación co turismo, un dos sectores máis prexudicados pola pandemia, a asociación de empresas turísticas está moi preocupada porque se van perder moitos millóns de euros e moitos empregos. María Lois comprende a incerteza do sector, afirma que é descorazonador, pero é difícil dar unha certeza do que vai pasar no medio desta incerteza. E cualifica así o dilema: “ vidas ou economía”.

María Lois é autora do libro “Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista”, na que analiza a evolución do nacionalismo galego representado polo BNG a través dos exemplos de Fene e Allariz. O libro é resultado da súa tese de doutoramento finalizada en 2007. (Na imaxe, en Perlío, con motivo da presentación do libro en decembro de 2016)

Sociedade

Publica o teu comentario agora