ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Concello de Fene e a asociación INDICAN emprenden a campaña de concienciación "As vidas non se compran" sobre a tenza responsable de cans e a prevención do seu abandono. A campaña de sensibilización cidadá ten dous obxectivos principais: evitar a merca de cans durante o Nadal e concienciar sobre os coidados e a responsabilidade que implica facerse cargo dunha mascota que se converterá nun membro máis da familia. A iniciativa -que vai acompañada de material divulgativo- tamén pretende fomentar a adopción como alternativa, coa finalidade de aliviar o ateigamento da canceira de Mougá e doutras protectoras que traballan na comarca.
O cartel editado polo Concello vai encabezado co lema: "As vidas non se compran", poñendo de relevancia e denunciando ao mesmo tempo que España é un dos países cunha maior taxa de abandono animal, sobre todo cans que foron agasallos de Nadal e que rematan uns meses despois encadeados, engaiolados, tirados en colectores, afogados, mortos por inanición ou frío ou, no mellor dos casos, abandonados en canceiras e refuxios. Unha realidade cualificada como "vergoñenta" polo departamento de Medio Ambiente de Fene que se tenta atallar a base de concienciación, comezando precisamente por estas datas. "Os cans non son xoguetes, senón seres con sentimentos que tamén sofren. Traer un can para a casa é unha responsabilidade para toda a vida, xa que dependerá de nós para sobrevivir e deberá recibir os coidados que necesita", comenta a titular da área, Marta Pereiro.
Neste sentido, a campaña promovida polo Concello de Fene e a asociación INDICAN avoga porque, unha vez se teña asumida esa responsabilidade, se opte preferentemente pola adopción "para non fomentar a cría ilegal e para aliviar a superpoboación da canceira de Mougá e as protectoras da comarca", apunta Pereiro. A cartelaría da iniciativa distribuirase por todo o territorio fenés e tamén nas redes sociais -entre elas a páxina en facebook Fene Adopta-, onde se convida a utilizar os lemas co pechacancelas #NonAoAbandono, #NonSonXoguetes, #SonFamilia, #AdoptandoSalvasVidas e #FeneAdopta. Ademais tamén se introduce un recordatorio do contido da Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, que prohíbe, entre outras prácticas, o abandono, o encadeamento continuado ou a limitación dos movementos dos cans durante a maior parte do día. Condutas que poden ser sancionadas con multas de entre 500 e 5.000 euros e mesmo con penas de cadea. Desde Medio Ambiente pídese que, ante situacións semellantes, "non se mire para outro lado", senón que se lle comunique á Policía Local, á Garda Civil ou mediante mensaxe á páxina en facebook @FeneAdopta. Dos casos de abandono ou maltrato tamén se pode informar ao refuxio de animais de Mougá e a INDICAN iniciativadignidadcanina@gmail.com
Compromiso municipal co benestar animal
A campaña que arranca estes días non será unha actividade illada, senón que forma parte dun conxunto de iniciativas enfocadas a incluír o benestar animal como un dos eixos de traballo do executivo local en colaboración con Iniciativa Dignidad Canina. Dentro desa colaboración, a partir do 2021 levaranse a cabo sesións de sensibilización nos centros educativos, accións orientadas á empatía cos animais, a habilitación de espazos para a socialización e interacción entre cans e tamén con humanos, a xestión controlada das colonias felinas -coa implicación activa da cidadanía-, a concienciación "para facer fronte á discriminación e os graves prexuízos que sofren os mal chamados cans perigosos" e outros aspectos relacionados.
Publica o teu comentario agora