Vilalba mobilízase na defensa do seu patrimonio natural

Vilalba mobilízase na defensa do seu patrimonio natural

17 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A tala dun castiñeiro de indias da Praza da Constitución, unha icona de Vilalba foi o detonante da concentración cívica convocada pola Plataforma “A Alameda, espazo da nosa memoria” para este sábado, 20 de novembro. Arredor de medio cento de persoas reclamarán aos xestores municipais a defensa dos espazos públicos atendendo a criterios de sostibilidade e respecto ao patrimonio natural e cultural da Terra Cha. 

Esta iniciativa xurdiu de xeito espontáneo, a través das redes sociais, pola indignación de moitos veciños ante as actuacións acometidas na que xa denominan “Praza do Cementón”. “A sociedade civil está farta da tala de castiñeiros neste enclave vilalbés”, explicou o representante da plataforma, Chema Felpeto. Consolidouse así, esta plataforma cidadá, sin vencellamento político, que se concreta na protesta deste sábado. Segundo Felpeto, esta alameda forma parte da memoria dos vilalbeses.  

Estímase que 500 internautas xunto con diversos persoeiros e entidades do mundo da cultura, daranse cita na Alameda Basanta Olano este sábado. O acto, presentado polo xornalista Moncho Paz, contará coa presenza de Antón Baamonde, escritor e ensaísta nado en Vilalba, que será o encargado de ler o Manifesto da Plataforma. Estarán acompañados por dous poetas chairegos, María Xosé Lamas e Francisco Roca Constenla, mentres a nota musical correrá por conta do grupo Buxos Verdes. Asemade, está previsto que ata o venres se realicen distintas actividades didácticas nos centros educativos da vila, co obxectivo de sensibilizar aos máis novos coa protección do medio ambiente.

Sociedade