Vilalba presenta un protocolo interinstitucional de actuación contra a violencia de xénero

Vilalba presenta un protocolo interinstitucional de actuación contra a violencia de xénero

09 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Durante o acto, o alcalde da vila, Gerardo Criado, recordou a importancia de adoptar este tipo de compromisos para “erradicar a violencia de xénero, concienciar á poboación e atender ás vítimas dun xeito rápido e útil ”. O mandatario vilalbés  admitiu que unha das intencións do acordo foi abordar “a coordinación nesta materia” para “articular unha resposta integral e eficaz e optimizar os nosos recursos”.

 

A continuación tomou a palabra a responsable de Información á muller do Concello, Ana Berta Pardo que informou que a iniciativa partiu do propio organismo municipal e que sirve como instrumento de colaboración para que os diferentes profesionais poidan traballar e coordinar con mais facilidade as distintas accións contra da violencia de xénero e a atención ás vítimas.

 

Pardo admitiu a necesidade do protocolo, xa que “son varios os organismos que poden intervir nun proceso de atención a este tipo de violencia, xa que unha muller pode acudir á policía, a un xuíz aos profesionais do Concello ou aos sanitarios”.

 

Para poder elaborar o texto acudiron á empresa OBZ consulting e levaron adiante un traballo de 6 meses no que se incluíron diferentes entrevistas e reunións cos catro estamentos implicados. Así, participaron a xuíza de instrución número 1 de Vilalba, dous fiscais de Mondoñedo, dous axentes da Garda Civil e o sarxento da Policía Local, un médico forense, a coordinadora médica do Centro de Saúde, unha traballadora social do mesmo centro e a técnica de Servizos Sociais de Vilalba. Estes profesionais levarán a cabo reunións trimestrais para continuar coa súa coordinación neste tema.

 

Ademais, tamén se editaron unha serie de trípticos informativos con información sobre cómo actuar, a onde recorrer, cómo axudar a alguén que sofre esta forma de violencia, así como unha descrición dun comportamento violento.

Sociedade