Vilalba presentou as súas actividades culturais para xuño

Vilalba presentou as súas actividades culturais para xuño

01 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Concello de Vilalba presentou hoxe en rolda de prensa as súas actividades culturais para o mes de xuño. A oferta é diversa e destaca o peso do Teatro e a música, ademais de levar a cabo a IV edición do Mercado Medieval, que se celebrará os días 19, 20 e 21 na capital chairega.

A praza de Santa María foi o ámbito elixido para aloxar os diferentes postos de artesanía, produtos típicos e xantar que se achegarán á vila para ofrecer a súa oferta aos visitantes. Para os que busquen mais diversión e animación, especialmente os mais pequenos, deberán acudir á Praza Coronel Pena. Para eles está reservada unha mostra de cetrería e diferentes actividades con animadores debidamente ataviados con disfraces da idade media. O Concelleiro de Cultura vilalbés, Xosé María García-Leira, tamén adiantou que os locais do pobo poderán adornarse con motivos medievais para acondicionar mellor a propia festa e darlle un toque mais auténtico. Sen embargo, polo de agora, tan só está confirmado o Parador como o único local que optou por disfrazar a súa cara, ademais, o seu restaurante ofrecerá dúas noites nas que se servirá unha cea medieval. Para aqueles que queiran colaborar como voluntarios deberán facelo no teléfono 982 221 775.

 

Pero non só se poderá xantar ben eses días. Para celebrar debidamente o San Xoán programouse unha sardiñada onde os vilalbeses e vilalbesas poderán degustar os preto de 100 quilos de sardiñas que se asarán na vila, gracias á colaboración de algúns locais de hostalaría como son o Lagar Os Píos, o Stama, A Lareira, o Mesón do Campo, o Bar Torre ou o Parador.

Música de Cámara e Teatro

Desde o punto de vista estrictamente cultural, a programación do Concello comezará cun taller de teatro os días 12, 13 e 14 de xuño no Auditorio Municipal, a cargo de Mario Cerro, responsable da asociación teatral La Jauría Teatro; e de Sabina Espósito, que actualmente traballa na compañía Chille de la balanza de Florencia (Italia). A proposta do curso é desenrolar as capacidades expresivas mediante exercicios de danza, mimo e improvisación física; vivenciar neses exercicios o ritmo ou a vibración sonora, potenciar a harmonización e sociabilidade coa linguaxe da música, e traballar a coordinación e a organización do movemento, dedicándolle espontaneidade.

Outro dos pratos fortes será o concerto da Orquestra da Nova Filarmónica de Colonia, dirixida por Volker Hartung, e que está prevista para o día 21, ás 20.30 horas, no Auditorio e que interpretará obras de Vivaldi, Mozart e Tchaikovsky. Esta orquestra ven colleitando un gran éxito na “Kölner Philarmonie”, así coma nas salas de concertos mais importantes de Alemaña e Europa. A entrada custará 9 euros.

A Filarmónica de Colonia non será a única oferta musical. A este concerto únese o recital benéfico organizado pola ONG Manja Awiri, previsto para o día 28 ás 20.30 horas, e o do Conservatorio Municipal, para o 13 de xuño.

Pola súa banda, o mércores 17 terá lugar a representación teatral da Escola infantil Municipal a partir das 15.00 horas e do Lois Peña Novo, contra as 9.00 horas do venres 19 no Auditorio Municipal.

Sociedade