As violetas

As violetas
03 de Marzo, 2020 - 09:39 h. | Publicada por Radio Fene

"As violetas" é o lema escollido polo concello de Ferrol para ofrecer aos cidadáns accións a prol das mulleres nas prazas máis importantes da cidade. A xefa de oftalmoloxía do CHUF, Lola Álvarez, é a gaalrdoada este ano polo Dia da Muller.

Aparte de acoller a manifestación de Galegas 8M o domingo, Ferrol inicia os actos institucionais do Día da Muller o venres dia 6 cunha ofrenda floral a Concepción Arenal no monumento da pensadora, ás 11,30h. Minutos despois, colocarase unha bandeira feminista no balcón do Teatro Jofre, onde ás 20horas se celebrará a XII Gala institucional do Día Internacional da Muller. Ferrol outorgará o galardón este ano á xefa de oftalmoloxía do CHUF, Lola Álvarez. Contará coa actuación de Helga Méndez e Guadi Galego. O víspera do 8 de marzo, o sabado 7, as prazas ferrolás acollerán accións baixo o lema “As violetas”. Faranse ao mediodía, de 12 a 14 horas e pola tarde, de 17 a 21 horas no Cruceiro de Canido, no Centro Cívico de Caranza, Praza de Ultramar, Praza Vella, P. de España e na do Himno Galego en Esteiro. O mesmo sabado 7 de marzo a praza de Amboaxe acollerá desde as cinco da tarde o concerto “Por todas, é tempo das mulleres” co cuarteto de corda “Aquelas” e a rondalla “Só elas”. Os actos institucionais pecharanse aínda o venres 13 no antigo Hospicio coa charla “ Mulleres e Sociedade”.

Un “Tempos para compartir” especial abre este venres en San Sadurniño os actos do 8-M.

A área municipal de Igualdade promove varias actividades, como maneira de facer unha chamada de atención sobre a loita das mulleres. O evento central do 8-M terá lugar na Casa da Cultura o sábado 28 de marzo. Pero a primeira cita será este mesmo venres 6 de marzo ás 17.00h. na Casa da Xuventude cun obradoiro especial de deseño de camisetas con lemas e imaxes a prol do empoderamento feminino. Á saída do obradoiro,sobre as 19.30h. a área de Igualdade programou un acto simbólico no que se pendurarán do peche da praza do antigo Concello mandís e outras pezas de roupa. Por outra banda, ata o 31 de marzo pode visitarse no patio interior da Casa do Concello a mostra “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)”, da pintora Viki Rivadulla. Trátase dun proxecto artístico composto por 12 cadros que falan, segundo a autora, “do diferente, de seres diferentes, que saen da norma. E fala deses seres en feminino”.

(na imaxe, mulleres de San Sadurniño preparando o 8 de marzo)

Institucional

Publica o teu comentario agora