Virxinia Rodríguez: “Estivemos moitos anos de costas aos ríos”

Virxinia Rodríguez: “Estivemos moitos anos de costas aos ríos”

27 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Proxecto Ríos é un programa de voluntariado e educación ambiental, levado a cabo pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que pretende facilitar ferramentas á cidadanía para que sexan partícipes na conservación dos ecosistemas fluviais. Virxinia Rodríguez, membro da Asociación, é a coordinadora deste Proxecto.

“O importante é que os voluntarios coñezan como se atopa o río no que van traballar”, afirma Virxinia. Para conseguilo, a Asociación facilita material formativo no que ensinan como inspeccionar o río para poder desenvolver a custodia fluvial. Asemade, desenvolven cursos formativos específicos ao longo do ano, “con temáticas que os voluntarios consideran axeitados para a súa capacitación”.

Nesta campaña de outono decidiron contactar cos grupos que participan no Proxecto para actualizar a base de datos, o que “fixo ter un contacto máis próximo con todos os voluntarios”. A coordinadora móstrase sorprendida da alta participación nesta campaña e destaca a importancia de que “todos os grupos que están participando hoxe en día no Proxecto Ríos son grupos activos”.

A responsable do proxecto explica que  nas zonas nas do campo do Tea nas que traballaron “eliminouse nun 90% ou 95% de especies exóticas invasoras”, e que pretenden continuar traballando nelas, ademais de noutros ríos. Cre “moi interesante” o feito de que sexan os propios voluntarios os que sexan capaces de coordinar accións e, malia que a educación ambiental vive unha situación “complicada” por mor da crise, móstrase convencida  de que a Asociación seguirá apostando polo Proxecto. Virxinia pide á xente que participe no Proxecto, xa que só se pode coñecer toda a dimensión dos ecosistemas fluviais adentrándose nos ríos.

Sociedade