Visto para sentenza o xuizo pola moción de censura

Visto para sentenza o xuizo pola moción de censura
21 de Setembro, 2021 - 01:57 h. | Publicada por Radio Fene

Fixen o cría correcto, afirmou esta mañá a concelleira Manuela Aguilar tras a vista celebrada na Audiencia Provincial da Coruña pola suspensión do pleno da moción de censura na Corporación de Fene o 26 de  outubro de 2017. A Corporación de Fene non votara aquel dia a censura ao alcalde do BNG Juventino Trigo. A mesa de idade estimara un escrito presentado por Participación Democrática Directa de Galicia. Lembraba que os edís de Somos Fene foran expulsados desta formación política e indicaba que segundo a lei, non podían asinar unha moción de censura.  A fiscalía pediu esta mañá a inhabilitación para cargo público da edil do BNG por un período de dez anos. A sentenza coñecerase en dúas ou tres semanas, segundo as previsións xudiciais.

ESCOITA O PODCAST:
A secretaria coa mesa de idade. Pleno da Corporación de Fene

O avogado de Aguilar, Pedro Trepat salientou a corrección da actuación da mesa de idade nese pleno. Incluso propuxo un receso para estudar o escrito presentado antes da sesión, ao que se negou a outra integrante da mesa. A secretaria non advertiu en ningún momento de ilegalidade e propuxo tamén un receso. Manuela Aguilar reafirmouse na corrección da súa actuación naquel pleno. Entendía que non se daban as circunstancias que marcaba a lei para o desenvolvemento da sesión. Deulle a ler o escrito recibido á outra integrante da mesa de idade. Un tema político trasládase aos xulgados. Isto é unha vinganza persoal, afirmou esta mañá o actual alcalde de Fene Juventino Trigo quen concluíu: “A presidenta da mesa de idade tiña moitos motivos para tomar a decisión que tomou”. 
As circunstancias
Naquel 26 de outubro de 2017  a concelleira de maior idade da Corporación Manuela Aguilar (BNG)  indicou que diante do escrito de Participación Democrática, as circunstancias variaron, e na súa opinión, a moción non se podía votar. A edil de menor idade Rocío Bértoa (PP) manifestou a súa desconformidade con esa decisión. Censurou que non se lle dera traslado do escrito con anterioridade ao comezo da sesión. Aguilar fixo valer o seu voto de calidade dentro da mesa e declarou finalizada a sesión, sen proceder á votación. 

Institucional

Publica o teu comentario agora