Voaxa e Carmín

Dous personaxes para celebrar o Día Internacional do Teatro
27 de Marzo, 2019 - 09:30 h. | Publicada por Radio Fene

Con motivo da celebración do Día Internacional de Teatro (27 de marzo) o Ateneo Ferrolán proxecta "Voaxa e Carmín" o xoves día 28 de marzo ás 19 h. con entrada libre.

Con motivo da celebración, o día 27 de marzo, do Día Internacional de Teatro, no Ateneo Ferrolán proxectarase "Voaxa e Carmín" o xoves día 28 de marzo ás 19 h. con entrada libre. Case unha atracción turística de seu e unha das iconas máis recoñecibles de Compostela, a estatua das Marías da Alameda de Santiago agocha unha historia máis dramática que, poñamos por caso, a da de Pessoa no Chiado. Case tan míticas como Cibeles e Neptuno, as Maruxa e Coralia do escultor César Lombera homenaxean as cores dun tempo gris e, ao ficaren aí a pesar dos estragos da desmemoria local, loitan por facer medrar a curiosidade de quen as visita.Son poucas as mulleres e homes nacidas na capital antes da democracia que non recibisen, respectivamente, os seus insultos ou as súas chiscadelas.

Para a maioría foron dúas excéntricas; como moito, hai quen se fai eco do poder simbólico que a súa presenza tiña no mediodía franquista. Como deixou dito Vidal Bolaño na edición impresa que acompañou a inauguración da estatua nos noventa, as Dúas en Punto “miraban a vida cun ollo chiscado e rían dun mundo que a forza de se enganar a si mesmo chegou a crer que era el quen ría delas”. Elas souberon aceptar ese engano e xogar con el. Convertéronse nun disfrace público para ocultaren unha vergonza privada, unha traxedia colectiva e unha memoria histórica.

Voaxa e Carmín presenta unha maneira artística, creativa e non documental de abordar o drama da nosa memoria histórica: o drama, silenciado durante décadas, de todo o peso da represión posbélica franquista envorcada sobre a vida feble de dúas mulleres inocentes. Se a información está dosificada e desordenada é para, precisamente, facer levedar o interese pola historia real e evitar que o fornecemento de todos os datos provoque unha satisfacción que a volva condenar ao esquecemento.

Cultura

Publica o teu comentario agora