A vocación de continuidade do parque lineal do río Cádavo

A vocación de continuidade do parque lineal do río Cádavo

19 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O subdelegado de Goberno na Coruña, José Manuel Pose, visitaba hoxe Fene para inaugurar as novas instalacións da Policía Municipal e o tramo do parque lineal do río Cádavo ao seu paso polo Concello. Este espazo de lecer abarca 1.200 metros cadrados que contribuen a abrir a Praza do Concello, ata agora algo "confinada", segundo indicou o arquitecto redactor do proxecto Carlos Ardá.

Pose amosouse agradecido, pero sobre todo quixo aproveitar a ocasión para felicitar ao goberno municipal de Fene pola intelixente elección á hora de elexir os investimentos no Plan E. “Son dos que penso que investir na policía é un dos maiores acertos, xa que o corpo de seguridade é garante da liberdade. Os políticos que miman á policía son políticos que miman aos seus veciños e veciñas”. Do mesmo xeito, fixo referencia á “importancia que hoxe en día ten o poder ofrecerlle aos veciños e veciñas espazos públicos como o que hoxe estamos a inaugurar”. Neste senso destacou a importante pisada que o Plan E están deixando nos Concellos, tanto no ámbito da creación de emprego coma no da realización de obras sostibles.O Alcalde, membros da corporación, veciños e veciñas percorreron con Pose estas actuacións xa rematadas e que, “en ambos casos supoñen unha mellora de servizos para o pobo e un paso máis na obtención e modernización de espazo públicos”, tal e como explicaba o Alcalde.

No caso da reforma na xefatura da Policía Local, na que se investiron 65.000 euros, acadouse non só doblar o espazo de traballo para os axentes, senón adaptar e modernizar a antiga oficina de correos ao servizo municipal.Tal e como explicou o arquitecto encargado do proxecto, os criterios de accesibilidade, habitabilidade e funcionalidade foron os que marcaron esta actuación, a través da cal obtivéronse tres novas oficinas, un espazo de atencion aompúblico máis amplio e cómodo, calefacción en todas as dependencias, acceso á redes de datos para oito ordenadores e, en definitiva, un espazo de traballo adaptado ás necesidades do corpo de seguridade. Por outra banda, o tramo de parque lineal desenvolvido grazas a un investimento de 285.000 euros é, en palabras de Puentes, “ao fin unha realidade posible grazas ao Plan Estatal de Investimento Local; logo de anos e anos proxectándoo os veciños e veciñas xa poden disfrutar nesta zona que recupera ambientalmente o cauce do río Cádavo ao seu paso polo Concello”.

Recordaba tamén o rexedor que “en breve poderemos contar tamén cun tramo máis do que está chamado a ser o gran parque de Fene, que comezará en Vilanova seguindo o cauce do río ata o seu fin nas inmediacións de Navantia Fene. Neste momento trátase de obras que va ser utilizadas individualmente, pero que nun futuro formarán un parque unificado. O responsable deste proxecto recordou tamén que este novo tramo de parque aberto aos veciños e veciñas está chamado a potenciar a propia praza do Concello aportando zonas verdes á imaxe de formigón da mesma.

Sociedade