As vodas de prata da Moexmu xa están en marcha

As vodas de prata da Moexmu xa están en marcha

03 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O vicerector do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Herrero e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa foron os encargados de inaugurar oficialmente a XXV Edición da Mostra Exposición Muimenta (MOEXMU). O acto, que daba a saída a este importante evento dentro do mundo agrogandeiro galego, comezaba contra as 19.00 horas. Sen embargo, o punto forte desta primeira xornada foi o pregón a cargo de Manuel Vil

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, foi o primeiro en abrir a quenda de intervencións. O edil chairego destacou a importancia desta feira como “escaparate do ámbito agrogandeiro”, sector decisivo para o seu concello. Castosa tamén destacou a capacidade adaptativa desta feira, xa que soubo “camiñar cos tempos e avanzar nun mundo moderno”, gracias “á boa organización, visitantes fieis e, sobre todo, ao pobo de Cospeito”.

Pola súa banda, o vicerector do campus de Lugo da USC, Carlos Herrero, destacou a coincidencia entre “os intereses da USC e a Moexmu, porque gran parte da nosa formación neste campus está dirixida ao sector agrogandeiro, que é fundamental para a economía da nosa comunidade autónoma”, polo que “esta distinción é un orgullo para a Universidade”. Ademais anunciou un convenio de colaboración da institución educativa e a feira.

Por último, Manuel Vila López fixo un pregón cargado de nostalxia, no que o agradecemento aos seus veciños, polo agarimo amosado durante todos os anos, foi unha constante, xunto coa a viaxe polos vinte e cinco anos de vida deste evento.

De entre o resto de personalidades que se deron cita en Muimenta destacan os delegados de Medio Rural e Medio Ambiente, Emilio López Pérez e Eduardo Vidal, respectivamente; os alcaldes de Vilalba, Gerardo Criado; Begonte, José Antonio Vázquez; Outeiro de Rei, José Pardo; A Pastoriza, Primitivo Iglesias; Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño; Abadín, José María López Rancaño; e Meira, Antonio de Dios; ademais do Parlamentario do PPdeG por Lugo, Agustín Baamonde.

Pero as actividades no Recinto Feiral desta localidade chairega non comezaron pola tarde. Desde ben cedo, concretamente desde as 10.00 horas, abríase o recinto para permitir a entrada do gando e para comezar coa verificación da súa correspondente documentación. Os stands dos expositores de maquinaria, automóbiles, motos, artesanía popular e dos produtos galegos fixeron a súa entrada ás 10.30, para poder levar a súa actividade principal durante toda a feira, que se estenderá durante toda a fin de semana.

Tras unha pausa para comer, a comisión organizadora fixo unha recepción oficial para as autoridades que acudiron á inauguración oficial.

Para mañá sábado, día forte da Moexmu, quedarán o concurso de gando frisón e das vacas leiteiras, así como a entrega das mencións honoríficas. Xa o domingo terá lugar o concurso de manexadores, tanto de xoves como de adultos; a XI Subasta de gando frisón selecto, a entrega de premios e o sorteo dunha xata entre os asistentes.

Mancomunidade Terra Chá

Os alcaldes dos cinco concellos que forman a Mancomunidade da Terra Chá: Armando Castosa (Cospeito), José Pardo (Outeiro de Rei), José María López Rancaño (Abadín), José Díaz Valiño (Castro de Rei) e Primitivo Iglesias (A Pastoriza), acudiron á presentación oficial do stand desta institución na Moexmu, onde se puido acceder, por vez primeira, á nova web da organización.

O presidente da Mancomunidade, o popular Armando Castosa, amosouse satisfeito por achegarse ata esta feira tan importante no mundo agrogandeiro galego e expresou a súa confianza porque esta nova singladura represente un avance importante para os concellos implicados.

Sociedade