Volven os plenos presenciais

Volven os plenos presenciais
03 de Xullo, 2020 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

O pleno aprobou o convenio que pon en marcha o punto limpo de vilar do Colo. A concelleira Marta Pereiro incorporouse ás filas do grupo socialista no primeiro pleno presencial de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

A Corporación de Fene aprobou o convenio de xestión do punto limpo de Vilar do Colo. Cando os Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos dean vía libre ao texto, procederase á licitación da xestión. O convenio establece a distribución proporcional do custe do servizo. Primeiro realizarase un estudo económico do funcionamento e despois licitarase a xestión. Cando se adxudique o contrato e o servizo empece a funcionar, a empresa emitiralle ao consistorio as facturas mensuais co prezo establecido. Ares, Cabanas e Mugardos deberán achegar as cotas proporcionais correspondentes antes do dia 20 de cada mes. O punto limpo servirá para depositar cascallos de obras, aceites, pilas, mobles, electrodomésticos e voluminosos. O convenio aprobouse por unanimidade.

A sesión plenaria tamén deu vía libre a unha moción do grupo socialista reclamando o impulso do sector eólico. Tamén o PSOE presentou iniciativas arredor da pandemia do coronavirus nas residencias de maiores e en torno ao Dia do Orgullo Gay que prosperaron coa abstención dos populares. O BNG presentou unha moción de urxencia para a adquisición urxente dun camión de recollida do lixo, en substitución doutro vehículo, avariado na actualidade e con máis de cincocentos mil quilómetros.

Novidade no pleno ordinario de xullo foi a incorporación da concelleira socialista Marta Pereiro que estaba de baixa médica desde hai tempo. O pago de dúas facturas atrasadas desde 2018 suscitaron a primeira discusión aceda no pleno. O edil de Facenda, Manuel Polo, botou a culpa ao ex-alcalde Gumersindo Galego dunha delas, a minuta a uns avogados que defenderon “os intereses dos veciños” no caso das “farolas”. Rocio Bértoa explicou que non se pagou porque ese traballo non se chegou a realizar.

Entre as numerosas preguntas presentadas polo PP no último tramo da sesión plenaria, a tala de árbores en San Valentín e no parque do río Cádavo foi o asunto que suscitou máis debate e ao que se sumou o concelleiro do PSOE Antón Noceda a quen o alcalde lle aclarou que lle daba a palabra como un concelleiro particular "señor Noceda" e non como membro do grupo municipal socialista que ten a súa portavoz. Convidouno Trigo a conformar o grupo mixto. Gumersindo Galego dirixiulle a Juventino Trigo outra pregunta sobre as malas condicións nas que traballan os operarios da empresa contratada para a recollida dos voluminosos.

Institucional

Publica o teu comentario agora