X Maratón de lectura do 8 de marzo en Fene

X Maratón de lectura do 8 de marzo en Fene

11 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Maratón de lectura "Fene lendo mulleres" é a maneira que escolleu este municipio hai xa dez anos para dar voz ás mulleres no Dia Internacional da Muller, o 8 de marzo. Antes denominóuse "Mulleres lendo a mulleres" pero nos últimos anos cambiouse para que poidan participar os escolares- nenos. Era unha demanda dalgún dos centros escolares que tomaron como unha discriminación a exclusión dos varóns.  

Máis de 200 alumnos e alumnas de todos os colexios de primaria e secundaria participan en cada edición durante a mañán do 8 de marzo, pero xa unha semana antes preparan os textos elexidos en complicidade co profesorado. Durante a tarde son mulleres adultas as que voluntariamente len, sempre literatura escrita por mulleres. Algunhas levan o libro da casa pero outras escolleno alí porque a biblioteca selecciona uns cantos para a ocasión.
 
Isto provoca algunha que outra anécdota, como a ocurrida a unha muller á que lle puxeron na man un libro que nunca vira na vida cuxo texto contiña unha carga importante de sensualidade e sexualidade, rozando a pornografía, quizás pouco adecuado para compartir en alta voz cun concurrido auditorio. A muller mantívose serea entre beizos que se meten onde poden e outras lindezas... Leía de corrido desexando acabar a sua intervención canto antes, diante dun público que non podía resistir coas gañas de rir. E ela lee que lee pensando "terra trágame".

Sociedade