Xa hai cartel do festigal 2019

Orgullo de país o 24 e 25 de xullo no campus sur de Santiago. O Festigal cumpre 18 anos
13 de Xuño, 2019 - 02:33 h. | Publicada por Radio Fene

O Festigal 2019 traerá a italiana Banda Bassotti, que actuará xunto con Brassica Rapa, Arrhythmia e De Ninghures na véspera do Día da Patria de 2019 en Santiago de Compostela. Para o 25 de xullo estarán Güintervan, DudeCan e Pandereteiras de Verducido. Este evento chega á súa XVIII edición para encher o campus sur de Santiago de Compostela de festa e de orgullo de país, xunto co compromiso polos dereitos sociais e nacionais de Galiza.

Durante un almorzo informativo, Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; Lucía López, da Comisión Festigal; e Claudia Quintela, de Galiza Nova, deron a coñecer no Hotel San Miguel dos Agros o cartaz deseñado por Carmen Rey que ela mesma definiu como “barroco rural chic”, “para conxugar o ámbito rural co urbano, a vangarda co tradicional para que camiñen xuntos na sociedade para reivindicar a nosa propia identidade”

Lucía Veciño explicou que o Festigal constitúe “un escaparate para a cultura do país que conxuga a música, as ideas e as letras nun momento tan importante onde hai unha falta de apoio por parte da administración aos grupos e artistas deste país”.

Desta vez, actuará Banda Bassotti, que leva desde 1981 nos escenarios e “son referencia na música contestataria polas súas letras de carácter antifascista, de solidariedade internacionalista e dos dereitos dos pobos”. De Ninghures, o grupo gañador do concurso “Novos Valores”, abre o Festigal con música tradicional na noite do 24 de xullo, do mesmo xeito Pandereteiras de Verducido a sesión do Café-concerto do 25 de xullo, coa fusión de sons tradicionais e de blues. “Estará tamén o trío de Lugo,  Arrhythmia e Brassica Rapa, que interpreta música galega fusionada con jazz e pop”.

Tamén o 25 tocarán o grupo DudeCan, do Val Miñor, que fai funk en galego; e Güintervan, con influencias de foclore balcánico, irlandesa e italiana. “O Festigal é sempre bandeira da defensa da liberdade e da diversidade desde unha perspectiva propia, a galega, non subordinada a ningunha outra cultura e poñendo en valor todas as expresións artísticas e de creación”, afirmou Lucía López. Este Festigal está feito “desde Galiza e para o mundo, orgullosas do que somos e do que creamos colectivamente”, engadiu.

O Festigal tamén terá Galería das Letras con presentación de novidades literarias, haberá diversión para crianzas no espazo infantil, palestras e debates na Galería das Ideas, ademais das zonas de tendas, artesanía, asociacións e xantar. “É unha festa para todas as idades como quixemos plasmar no cartaz, que hai que vivir cando menos unha vez na vida para logo repetir”, engadiu.

Haberá espazo de acampada para a noite do 24 de xullo, cun prezo de 4 euros, para o que é necesario inscribirse na web do Festigal, co obxectivo de facilitar a participación nas actividades do 24 e 25 de xullo do Día da Patria en Compostela.

Cultura

Publica o teu comentario agora