Xa poden tomar o turrón

O CEIP O Ramo de Barallobre inaugura a ampliación do comedor escolar.
05 de Decembro, 2018 - 11:41 h. | Publicada por Radio Fene

Alcalde e concelleira de Ensino de Fene visitan o novo comedor escolar do CEIP O Ramo. O centro conta agora cun comedor adaptado ó incremento do número de usuarios experimentado nos últimos seis anos, que pasou dos 4 ós 68. O Concello investiu preto de 11.000 euros no acondicionamento do espazo que agora se duplica.

O alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Ensino, Ana Novo, visitaron o novo comedor escolar do CEIP Plurilingüe do Ramo tras as obras realizadas polo Concello de Fene. Na mesma, estiveron acompañados pola xefa de estudos, Lucía Rojo. O acondicionamento deste novo espazo permitiu dar resposta ó significativo incremento do número de usuarios e usuarias do comedor experimentado nos últimos seis anos, que pasou dos 4 ata os 68 do presente curso. Deste xeito, o anterior habitáculo, de tan só 37 metros cadrados, quedábase ben escaso. Na actuación realizada investíronse 10.782,64 euros con cargo ás arcas locais. Ademais, o espazo do antigo comedor acondicionouse como ludoteca do centro, dacordo coa comunidade educativa. Pola súa banda, o novo comedor conta agora cuns 70 metros cadrados e sitúase no espazo anexo ó salón de actos e inclúe tamén un pequeno office para darlle servizo ó comedor. Así mesmo, o Concello ampliou a beirarrúa exterior para facilitar o acceso do suministro de comidas e executou unha rampa entre o interior e a terraza exterior.

Mellora dos accesos.

No mesmo centro, o Concello tamén realizou nos últimos meses outra actuación en materia de accesibilidade, creando un itinerario de caucho que facilita o paso de estudantes en cadeira de rodas dende a rampa exterior e a zona de xogos destinada ó alumnado de Educación Infantil. Unha actuación que se completou co acondicionamento dos elementos de xogo.

Institucional

Publica o teu comentario agora