Xabier Díaz será noso

A banda de gaitas Airiños de Fene honrará a Xabier Díaz na XXX Xuntanza de Gaiteiros
23 de Outubro, 2018 - 01:56 h. | Publicada por Radio Fene

Na XXX Xuntanza de gaiteiros de Fene haberá poucas gaitas, a non ser as da banda anfitriona. A música popular no seu conxunto, representada por Xabier Díaz, será a homenaxeada nesta edición.

ESCOITA O PODCAST:

Xabier Díaz será homenaxeado o sabado 27 de outubro na XXX Xuntanza de Gaiteiros que organiza a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene. O músico que neste doce momento está a presentar coas Adufeiras do Salitre o último disco "O baile de Noró", acudirá a Agarimo para recibir o galardón que o distingue como digno defensor e propagador da nosa música popular. Xabier Díaz naceu na Coruña o 22 de agosto de 1969 pero de pequeno os seus osos deron en Fene porque o seu pai foi traballar ao estaleiro. E nesta localidade se fixo forte nas Olimpiadas, como el mesmo lembrou este verán durante a súa actuación na Festa Mariñeira no peirao de Barallobre. No barrio de San Valentín criouse esta voz privilexiada que nos encandila cada vez que sae.

A súa traxectoria e o seu coñecemento da música popular galega non se lle escapou á Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene á hora de escoller a Xabier Díaz como persoa e músico a honrar na XXX Xuntanza de Gaiteiros. Ben sexa en solitario, con Barrogüeto, aCadaCanto, Rumbadeira, Nova Galega de Danza, ou con Guillerme Fernández ou as Adufeiras do Salitre, a súa cabeza, voz, pes, mans, todo nel se expresa cunha elegancia que é como un susurro que chega á alma. O caso é que cando o presidente de Airiños de Fene, Valentín García Modrón, lle comunicou a boa nova, Xabier reaccionou como os actores que non queren deixar a escena e recomendan outros máis "veterans" como obxecto de homenaxes. Pero a agrupación fenesa quere que sexa el.

Nesta XXX edición será el porque leva o noso floklore por Europa adiante, polo mundo adiante. Lugares como México, Zimbawe, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica tiveron a sorte de recibilo. Un patrimonio cultural, o noso, que Xabier Díaz axuda a descubrir, conservar e interpretar. O seu traballo reportoulle diferentes galardóns. No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, que obtivo o galardón ao mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e ao mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Codax da Música (2016).

Á XXX Xuntanza, que presentará Ana Santiago, acudirán colegas do homenaxeado, como Guillerme Fernández ou Guadi Galego; Fernando Barroso e Alfonso Merino. Por suposto abrirán e pecharán os grupos Xirifeiras e Xerfa, así como a Banda Airiños de Fene. A Xuntanza será o sabado 27 ás 19:30 horas nos locais de Agarimo de Sillobre.

Cultura

Publica o teu comentario agora