Xabier P.Docampo era un seductor

Acaba de reeditarse Catro cartas
29 de Outubro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

“A palabra é un don que só funciona cando vai dun a outro. Escoitar e transmitir o escoitado. Esa é a responsabilidade do lector”. Esa era a máxima do escritor e narrador Xabier P. Docampo, falecido hai dous anos. Para el a literatura non era algo individual senón unha interrelación entre quen escribe e o lector. Propagar a literatura e a lectura converteuse na súa prédica. Afirma o mestre e director do museo etnográfico da Capela e gran amigo de Xabier P.Docampo, Secundino García, que “Xabier era un seductor. Era un pracer escoitalo. Unha tertulia con el facíache abrir as orellas”.

ESCOITA O PODCAST:
Secundino García Mera. Mestre.

Edicións Xerais veu oportuno reeditar “Catro cartas” publicado vinte anos atrás, a raíz da homenaxe ao escritor nado en Rábade en 1946. A pesar de ser escrito hai vinte anos, Catro cartas semella unha especie de testamento, unha despedida. Unha das cartas escríbella á amada, outra ao fillo, a terceira á nai e a última a Robert Louís Stevenson, autor de “A illa do tesouro” unha das primeiras lecturas do noso protagonista no club de lectura. En “A illa de todas as illas” Docampo deixou constancia da súa querenza polos grandes clásicos de aventuras. Xabier P. Docampo sempre falaba dos seus inicios na literatura e da figura do contador, do narrador, e decía que o seu pai era o non vai mais contando historias. “Que o conte Raimundo” soía decir.

A tradición oral sempre foi para el unha fonte para escribir. Xabier tiña unha casa na Capela e Secundino García chamouno moitas veces para que fose á escola ou ao museo. “Unha vez convidámolo ao museo a unha sesión de contos. Tiñamos cinco persoas preparadas. El foi encadeando un conto con outro, improvisando sobre a marcha. Ao final contou el só”, sorrí Secundino, quen destaca a súa xenerosidade e o cultivo da amizade. "Escribíanos tarxetas de Nadal que el denominaba Nadaladas, escribía arrolos aos amigos cando nos nacía un neto". Conta que sempre andaba cunha libretiña na man copiando as palabras que lle gustaban. Mesturábase cos paisanos escoitando as súas historias. “A decisión do Valerio” naceu dunha conversa cun veciño da Capela. Pasaba pola Capela no inverno e sempre paraba para preguntar como estaban. Outra mostra da súa xenerosidade era que todos os dias chamaba ás once da noite a Agustín Fernández Paz cando estaba enfermo.

Xabier P. Docampo sentou as bases da nosa literatura infantil e xuvenil. Modernizou a literatura. “A miña vida durará mentres eu quede no teu recordo” escribe na carta ao fillo que pode estenderse a todos os seus lectores. El escribía pero sobre todo contaba. Gostaba de contar e para iso viaxaba a México, Arxentina, a Guadalajara, lugares que o convidaron a contar e contar e contar.

Repasamos con Esther Val, Carlos Aguado, Eva Mazás, Henrique Sanfiz e Secundino García a traxectoria de Xabier P. Docampo. A disculpa é "Catro Cartas" obra reeditada por Xerais vinte anos despois da súa publicación.

 

 

(Na imaxe, Secundino García Mera, mestre)

Cultura

Publica o teu comentario agora