Xacobe Ribeiro: “Non teñen ningún interese en escoitar a voz do estudantado”

Xacobe Ribeiro: “Non teñen ningún interese en escoitar a voz do estudantado”

26 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

O pasado xoves un grupo de estudantes da Universidade de Santiago ocupou as instalacións da Biblioteca Xeral no interior do Pazo de Fonseca en sinal de protesta por como lles afecta a transición do modelo de licenciaturas e diplomaturas aos novos graos do Plan Boloña. Xacobe Ribeiro é un dos estudantes que levaron a cabo este peche.

“O profesorado non está atendendo os seus horarios de seminarios”, indica Ribeiro en relación ás materias que están quedando extintas. Explica tamén que o antigo CAP de 6 meses pasou a un ano, que os prezos aumentaron e que “as que prazas son limitadas e non pode entrar todo o estudantado que quixera”. Non considera lóxico que as condicións coas que os estudantes comezan as  súas carreiras varíen repentinamente e láiase da redución do número de convocatorias, que pasaron de seis a catro coa aplicación dos novos planos. Coida que hai alumnos que poden quedar sen licenciatura por falta de convocatorias nas materias, malia que non se presentaran ningunha vez con anterioridade.

“Pedímoslle que nos fixera por escrito esa proposta, pero aínda estamos agardando hoxe”, apunta Ribeiro sobre a visita do vicerreitor da USC, Francisco Durán, na que lles asegurou que o tema das convocatorias trataríase no vindeiro Consello de Goberno da universidade. O alumno mantén que o novo reitor da USC, Xoán Casares Long, “segue a liña política do anterior” e que as autoridades universitarias “non teñen ningún interese en escoitar a voz do estudantado”.

Ribeiro afirma que a universidade actual “está concibida dende un punto de vista de elites” e demanda unha universidade máis popular na que “o estudantado poida decidir” e non unha universidade “ao servizo das empresas”. Asemade, anuncia que seguirán actuando para loitar polos seus dereitos.

Sociedade