Xente ben mantida

Xente ben mantida
15 de Novembro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Houbo un tempo en que a xente ben mantida era unha fachenda para a familia. Uns quilogramos de máis aseguraban un colchón diante dunha hipotética enfermidade. Tamén amosaban que na casa non se pasaba fame. Pero nestas primeiras décadas do século XXI, a obesidade é  un dos principais problemas do mundo. Estimase que no 2030, oito de cada dez galegos teremos sobre peso. Para contrarrestar esa amenaza é necesario adoptar unha dieta que sexa suficiente para a vida que levamos. Con alimentos sans e que sexa variada, afirma a doutora Fernanda Cienfuegos.

Doutora Fernanda Cienfuegos en Radio Fene. Agosto 2019

A maioría dos nenos con obesidade presentan déficit de ferro, calcio e vitamina D. Nos últimos corenta anos, a rapazada pesa de media sete quilos máis, asegura a pediatra Rosaura Leis. Levan estilos de vida pouco saudables e presentan patoloxías que son típicas dos adultos. Realizan menos actividade física e pasa máis tempo diante das pantallas. Toman alimentos ricos en enerxía pero pobres en nutrientes. Modificar o estilo de vida resulta así fundamental para acabar con este problema. A sociedade non facilita unha dieta saudable ou a práctica da actividade física, engade a doutora. Camiñar, moverse, ir aos recados, recuperar o pracer de cociñar e xantar todos xuntos, son os ingredientes da receita da doutora Leis. As enfermidades nutricionais son a grande pandemia deste século. Por iso no colexio ideal débese insistir na necesidade de diminuír o tempo de atención ás pantallas e incrementar a actividades física, apunta a médica.

Mecanismo regulador

 Para regular a obesidade e o sobre peso, anuncian tamén o descubrimento dun  mecanismo regulador. Un investigador galego lidera o traballo que axudaría a previr a enfermidade. Os mamíferos estamos deseñados para non dispoñer sempre de alimento. “Por iso somos tan eficientes almacenando comida, sobre todo cando hai graxa” explica o científico do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares José Antonio Enriquez. Esta vantaxe evolutiva, necesaria no pasado, converteuse nunha patoloxía cando inxerir alimentos deixou de ser unha cuestión de supervivencia e se converteu nun costume. O investigador galego ven de publicar un artigo na revista Nature Metabolism que describe o mecanismo que utilizan unhas células chamadas macrófagos para regular a obesidade.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora