A xeración Correlíngua non para

A carreira polo galego cumpre 20 anos.
03 de Novembro, 2020 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

As actividades de Correlíngua arrancan no Pazo da Cultura de Narón o próximo dia 5 de novembro e prolónganse todo o mes por 12 localidades do país.

Correlingua cumpre 20 anos nunha situación excepcional pero máis decidida que nunca a ser unha festa da lingua e en facer participar as rapazas e rapazas dos centros escolares do país nunha celebración a favor do galego que non pode deterse. Correlingua pecha a paréntese aberta pola pandemia e volve aos centros escolares para reclamar unha vida en galego e o dereito ao uso da lingua propia. Nesta edición, Correlingua terá presenza física en 12 centros escolares de outras tantas localidades galegas e contará coa participación de 9 artistas en 16 actuacións.

As actividades de Correlingua comezarán o 5 de novembro en Narón e prolongaranse ao longo de todo o mes de novembro. Na pasada primavera, a celebración estendida da lingua viuse obrigada a adiar as súas actividades por causa da pandemia que, a día de hoxe, segue afectando á normalidade da vida en Galicia. A vixésima edición celebrase baixo o lema, Vinte coa lingua!

Organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, trátase dunha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que nestes vinte anos de traxectoria acumulou diferentes recoñecementos, entre os que destaca o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, polo seu «destacado compromiso coa lingua, capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades».

Cada ano son máis de 20.000 nenos e nenas, mozas e mozos, os que participan nas actividades desenvolvidas arredor da celebración do Correlingua e mesmo hai casos de persoas que tendo participado nun Correlingua como alumnos xa tiveron a oportunidade participar como mestres. Neste sentido, hai quen considera que o mesmo que no seu día houbo unha xeración Xabarín, agora podemos falar xa dunha Xeración Correlingua.

Localidades Correlingua 2020;

Narón. Pazo da Cultura,5 de novembro

Lugo.IES Nosa señora dos ollos grandes,6 de novembro

O Rosal. CPI Manuel Suárez Marquier, 12 de novembro

Pontevedra. CEIP de Xeve, 18 de novembro

Moaña. Centro sociocultural Daniel Castelao (Quintela) 19 de novembro

A Mariña. Xove. CEIP Caselles Rollán 20de novembro

Ourense.IES As Lagoas 27 de novembro

Vigo. IES Ricardo Mella.

A Coruña. CEIP. Alborada.

A Estrada.

Zas CPI de Zas

Rianxo

(Na imaxe, alumnado de infantil do ceip Centieiras en Radio Fene)

Cultura

Publica o teu comentario agora