A xestación de xemelgos e a endometriose a debate en Ferrol

A xestación de xemelgos e a endometriose a debate en Ferrol

24 de Abril, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O 69º Congreso da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía celebrarase, os vindeiros venres 25 e sábado 26 de abril, en Ferrol, na Fundación Novacaixagalicia. Este encontro, organizado polo Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, reúne a máis de un centenar de profesionais desta especialidade procedentes de toda Galicia. Segundo indica o presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía,

Os temas principais deste encontro son a xestación de xemelgos e a endometriose. No caso do relatorio obstétrico, na tarde do 25 de abril, a protagonista é á xestación de xemelgos. “Escóllese esta cuestión -indica Martínez-Pérez Mendaña- porque os riscos para o feto e a nai son maiores que no embarazo simple; e teñen xurdido moitos medios novos para diagnosticar precozmente e tratar os posibles problemas que poidan xurdir”.

Sobre as particularidades do diagnóstico prenatal na xestación de xemelgos, falará o experto nesta materia, do Hospital Materno Infantil 12 de Octubre de Madrid, Alberto Galindo Izquierdo. Sobre a síndrome de transfusión feto-fetal e crecemento intrauterino retardado selectivo, Guadalupe Alfonsín Somoza, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; e do control do benestar fetal no embarazo de xemelgos, Emilio Couceiro Naveira, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. A Mesa Redonda posterior será moderada por Roque Devesa Hermida, da Clínica Quirón.

Nesta mesma tarde, terá lugar a inauguración oficial, ás 18:45 horas, e as asembleas xeral ordinaria e extraordinaria da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía, activa dende o ano 1950; e asociada á SEGO (Sociedad Española de Ginecología e Obstetricia).

Endometriose

A mañá do venres, o relatorio xinecolóxico centrarase na endometriose. O presidente da Sociedade Galega, Javier Martínez-Pérez Mendaña, destaca que se elixe porque “ten habido avances recentes para o tratamento desta enfermidade”. A endometriose é unha “enfermidade benigna, pero moi frecuente, que consiste na presenza de tecido endometrial fóra do lugar que lle corresponde na cavidade uterina”, explica este profesional. “O endometrio é a capa máis interna do útero que se descama tódolos meses coa menstruación. Aínda que é unha enfermidade benigna, en determinados casos, pode ter unha evolución desfavorable, causando dor e infertilidade”, remata.

Sobre o tratamento médico da endometriose falará Pere Barri Soldevilla, do Hospital Universitario Quirón Dexeuus de Barcelona; sobre a importancia do radicalismo no tratamento cirúrxico da endometriose; Francisco Estévez Guimerans do Hospital Povisa de Vigo. Modera a Mesa redonda posterior, Eloy Moral Santamarina do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Antes de rematar o encontro galego, farase entrega de cinco premios: o XXXI Premio Alejandro Novo González; dous galardóns ás mellores comunicacións orais, tanto no ámbito obstétrico como no ámbito xinecolóxico; un premio ó mellor póster; e un premio ó mellor caso clínico presentado por Médicos Residentes, para publicación no espazo da Sociedade Galega.

Presentáronse xa un total de 40 comunicacións, 12 orais e 28 tipo póster. Un total de 9 destas comunicacións son presentadas por profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol.

Sociedade