A ximnasia artística volve para sorprendernos

O Club de Ximnasia artística Ferrolterra conta con 150 nenas
29 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Club de Ximnasia artística Ferrolterra retomou a actividade a primeiros de setembro, respectando o protocolo que recomendan as autoridades sanitarias. Os adestramentos fanse con dous grupos de dez nenas á vez no ximnasio.

ESCOITA O PODCAST:

Retomaron a actividade no verán coas nenas de alta capacidade e desde primeiros de setembro xa empezaron os adestramentos con normalidade, a que deixa a situación especial que vivimos. Falamos con Olalla Sas, responsable do Club de Ximnasia artística Ferrolterra que neste momento ten pechados os grupos porque non poden ser moito máis numerosos a causa do protocolo da Covid19. “Temos unhas 150 nenas divididas en grupos de dez – hai 10 nenos tamén- . No ximnasio adestramos vinte persoas, dous grupos á vez” explica Sas. Quedaría algunha praza solta nalgún grupo. O Club de Ximnasia artística Ferrolterra adestra nunha nave ubicada na área industrial de Vilar do Colo en Fene. Adestran a diario, de luns a venres (de 16 a 21 horas) e os sabados pola mañá (de 10 a 14 horas).

“A flexibilidade, axilidade e coordenación son as cualidades que se precisan para a práctica deste deporte, cualidades que se poden ter de xeito natural ou adquirirse con traballo e esforzo”. Engade Olalla Sas que a idade ideal de empezo, se se quere participar na alta competición, é aos 5 ou 6 anos de idade. Se empezas con 12 ou 13 non podes chegar ao mesmo nivel pero podes facer moitas cousas igual neste deporte. No club afincado en Fene practícanse catro aparatos: chan, salto, barra de equilibrios e paralelas asimétricas. A ximnasia artística masculina consta de seis aparatos, no Club Ferrolterra practican o trampolín con acrobacias no ar.

“Temos varias nenas nas categorías de máis alto nivel, vía olímpica”. Segundo Olalla Sas, son cinco nenas do club as que teñen maior proxección. O club participa en campionatos autonómicos e nacionais. “En Fene organizamos unha fase do campionato nacional, no pavillón A Xunqueira que resultou todo un éxito”. O calendario das competicións que ía celebrarse entre maio e xuño tivo que adiarse a causa da situación sanitaria pero podería reanudarse antes de fín de ano, entre os meses de novembro e decembro. “Aínda está no ar recuperar a competición este ano”. Se non fose así, retomaríase o ano que ven entre os meses de marzo e xuño.

 

(Na imaxe, Olalla Sas)

Deportes

Publica o teu comentario agora