A xogaaaar con coidado

A xogaaaar con coidado
22 de Xuño, 2020 - 01:10 h. | Publicada por Radio Fene

Os parques de Fene volveron abrir na fin de semana. Personal de Protección Civil e de Servizos levou a cabo nos últimos días unha limpeza xeral dos parques, consistente na retirada de lixo e vexetación e na desinfección de todo o mobiliario de xogos.

O Concello de Fene retirou os precintos nos 13 parques infantís que hai repartidos polo territorio coa finalidade de que se volveran usar desde o mediodía do sábado. Malia que desde o pasado luns os parques xa podían utilizarse, o Concello optou por mantelos pechados en espera de que a Xunta aclarase as medidas de prevención que habería que adoptar. O Concello solicitou formalmente que se lle facilitase o protocolo para este tipo de instalacións. Finalmente o consistorio levou a cabo a semana pasada unha limpeza xeral dos parques, consistente tanto na retirada de lixo e vexetación como na desinfección de todo o mobiliario de xogos e lecer.

A normativa autonómica indica que nos parques debe procurarse que non haxa máis dunha persoa por cada 4 metros cadrados. Tamén se recomenda poñer a disposición das persoas usuarias xeles hidroalcólicos e mesmo solucións xabonosas para os nenos e nenas máis pequenas, medidas de difícil execución práctica, debido á propia dinámica do xogo infantil e á imposibilidade de estar mantendo unha vixilancia constante da capacidade de cada recinto, así como a dificultade para garantir que o xel de mans estea dispoñible en todo momento. Por este motivo, desde o Concello vólvese facer un chamamento á responsabilidade das persoas usuarias -principalmente pais e nais- para asegurar que se mantén a distancia social de 1,5 metros e outras accións preventivas: uso de máscara obrigatorio para maiores de 6 anos, etiqueta respiratoria (esbirrar contra panos desbotables, contra o brazo ou dentro da máscara), non tocar ollos, nariz e boca e, importante, a obriga de abandonar as instalacións se se nota algún síntoma coincidente co da COVID-19, contactando de inmediato co 900 400 116 para informar e facer un seguimento.

As recomendacións principais están recollidas en carteis informativos que o Concello está colocando en todos os parques, indicando ademais que non se deberán utilizar os surtidores de auga públicos. O Concello programou un programa de desinfeccións diarias dos espazos infantís -e tamén das zonas con aparellos de exercicios- do que se ocupará o persoal da área de Servizos en colaboración coa agrupación local de Protección Civil.

 

(Imaxe do novo parque en San Valentín-Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora