Xogando coa maxia do cine

Xogando coa maxia do cine

11 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Xogar ao cine de ficción, inventando historias e personaxes que logo se rodan en secuencias, facer documentais ou experimentar co cine de animación facendo bonecos de plastilina, son algunhas das máxicas actividades que os nenos de Vigo poderán realizar no primeiro obradoiro de cine para nenos que organizará a Asociación Vigo Film Comisión en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia. “Nadal de Cine” imp

As actividades, que se desenvolverán en horario de mañán de nove a unha, teñen como principal obxectivo achegar, de forma lúdica e participativa, a maxia do cine aos nenos de entre catro e doce anos. O obradoiro ten un número limitado de prazas polo que aquelas persoas que estean interesadas en inscribir aos seus fillos deben facelo antes do 15 de decembro a través da dirección de correo electrónico nadaldecine@vigofilmcommission.es indicando os datos do neno ou nena.

A intención é  que a actividade sexa unha alternativa que permita a todos os alumnos desenrolarse coma espectadores activos e críticos ademais de proporcionarlle as ferramentas e o clima necesario para a creación e a experimentación.

O obradoiro está organizado en tres bloques. Un primeiro de traballo, sobre a análise, a experimentación e a creación da imaxe. Un segundo, no que se xogará ao cine de ficción, inventando historias e personaxes que logo rodarán en pequenas secuencias e, por último, un terceiro bloque con dúas partes; unha na que a pretensión é achegar a realidade a través da cámara e, outra, na que os nenos e nenas experimentarán con cine de animación elaborando os seus propios debuxos e personaxes de plastilina. 

O programa foi presentado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, o director do IES Audiovisual de Vigo, Rogelio Mariño, e o representante da Vigo Film Commission, Darío Carrera.
A responsable do goberno galego na cidade destacou a importancia deste programa xa que se trata dunha iniciativa “lúdica, diferente e orixinal” encamiñada aos nenos e nenas nun período vacacional como é o Nadal no que “os pais deben ter alternativas para que os seus fillos se entreteñan e pasen unhas boas vacacións”.

Sociedade