Xosé Dorrío (AVC): “O cidadán espera que Baltar lle faga un favor algún día”

Xosé Dorrío (AVC): “O cidadán espera que Baltar lle faga un favor algún día”

20 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Non puido ser nun salón de actos da Deputación de Ourense, nin tampouco no de Novacaixagalicia, que responderon ora alegando problemas de axenda, ora mediante o silencio administrativo. Así que será finalmente o venres 28, no Ateneo da cidade das Burgas, cando se celebre a asemblea constituínte da Asociación de Vítimas do Caciquismo (AVC), un colectivo que pretende restituír os dereitos dos afectados polo uso espurio da política sacando á

En definición do Dicionario Xerais da Lingua o caciquismo é un “fenómeno sociopolítico no que unha democracia parlamentaria é manipulada á marxe das leis polos caciques”, que segundo a mesma fonte, son “aqueles que exercen autoridade abusiva sobre un colectivo valéndose do poder económico ou a posición social”. A explicación “quédase curta”, segundo Dorrío, que engade un matiz fundamental: “Detrás de cada cacicada hai un delito”. E as vítimas? “Son todas as persoas ás que se desbota cando se lle fai un favor a alguén”, resume.

A autodenominación do presidente provincial de Ourense, José Luís Baltar, como “cacique bo” é “orwelliana”. “Di que estamos a facer o ben cando realmente facemos o mal”, retruca Dorrío. Se até o de agora se perpetuou a práctica é porque “o cidadán espera que Baltar lle faga un favor algún día”, engade.

Non só son persoas individuais as prexudicadas polo manexo de fondos públicos co propósito de crear unha rede clientelar. Tamén aquelas sociedades que desenvolven un traballo social e resultan discriminadas no reparto de cartos fronte a outras que contratan de xeito dirixido. O voceiro da Asociación de Vítimas do Caciquismo asegura que iso é o que sucede con Aspanas, unha asociación ourensá en favor de persoas con discapacidade psíquica, e entre cuxo cadro de persoal figuran traballadores próximos a todos os partidos políticos. Segundo Dorrío isto favorece que reciban cartos de todas as administracións.

A asemblea constituínte da nova Asociación de Vítimas do Caciquismo pensa instaurar a partir da xuntanza do día 28 o Premio ao Cacique do Ano, para o cal ten as votacións abertas no seu perfil de Facebook. O vencedor daralle nome ao galardón. Polo de agora, arrasa Baltar.

Sociedade