Xosé Lois Carrión : “A Segunda República supuxo unha época de florecemento cultural”

Xosé Lois Carrión : “A Segunda República supuxo unha época de florecemento cultural”

14 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O florecemento do ensino e a difusión da cultura foron algúns dos logros que os republicanos atribúen a aquel breve período truncado pola sublevación militar de 1936. Por toda Galicia celébranse actos conmemorativos dos 80 anos transcorridos dende que o 14 de abril de 1931 se ergueu a bandeira tricolor.

"Houbo liortas, si", recoñeceu Xosé Lois Carrión, representante da asociación de Amigos da República de Ourense nos micrófonos de Radiofusiòn, lembrando as crónicas históricas sobre aqueles tempos convulsos, pero preferiu facer fincapé no "avance cultural" conseguido durante un lustro antes de que, coa vitoria dos franquistas "España desaparecese de Europa". O republicano ourensán lembra que entre os progresos conquistados por aquel réxime democrático estivo a expansión do dereito ao sufraxio, que non só se lle permitiu ás mulleres, senón tamén "aos curas e aos militares". Mais, sobre todo, coida que a Segunda República foi unha época de "florecemento".

O 14 de abril debera integrase no calendario como un día de recoñecemento a unha "realidade democrática", para restaurar a "dignidade" daqueles que "perderon polas armas e non pola razón", sostén o representante dos Amigos da República de Ourense. O colectivo da cidade das Burgas lembra estes días aos máis de 30.000 voluntarios das Brigadas Internacionais que combateron contra o fascismo en España, e dos que agora tan só sobreviven "unha ducia longa", segundo os cálculos de Xosé Lois Carrión. Verbo da posibilidade de que o Estado viva a proclamación dunha Terceira República, coida que as cousas deben producirse "polo seu propio peso", substituíndo a monarquía "democraticamente". Desbota que sexa factible a constitución dun gran partido republicano porque baixo un mesmo lema terían que convivir sensibilidades moi diversas, e por iso coida que teñen que ser os partido xa establecidos os que "teñen que levar a idea".

Carrión critica a aqueles "que se autodeclaran juancarlistas" e non directamente monárquicos. "Ou colles o todo ou non unha parte", aféalles, ao tempo que propón unha solución para cando chegue a xubilación de Juan Carlos I: que o herdeiro, se quere, se presente ás eleccións para optar á Presidencia da República.

Sociedade