Xotramu organiza unha demostración de xogos populares para o 8 de agosto en Valonga, Pol

Xotramu organiza unha demostración de xogos populares para o 8 de agosto en Valonga, Pol

28 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta Xotramu, levará a cabo, o vindeiro domingo 8 de agosto, unha demostración de prácticas de xogos populares na parroquia de Valonga, no Concello lucense de Pol. Será na Carballeira de Río Xoán onde o persoal desta institución cultural muimentina  amosará a pequenos e maiores os distintos xogos galegos e a súa práctica.

Pero non quedarán aquí as actividades desenroladas por esta asociación chairega, xa que o sábado 21 de agosto organizarán unha excursión a Santiago de Compostela co motivo do Ano Xacobeo, visitando a Praza de Abastos, a Cidade Vella, a Catedral de Santiago e os seus tellados, ademais de levar a cabo unha visita ao Museo Pedagóxico de Galicia e que estará guiada polo seu director. O motivo principal será poder ollar de preto a exposición itinerante de xogos tradicionais. O prezo da viaxe é de 30 euros para o público en xeral, mentres que o custe para os  menores de 10 anos, será de 20. Estes cartos cobren o autobús, a entrada ao museo e o xantar. Os lugares para poder apuntarse son a tenda Desexos e a Ferretería Muimenta.

Cursos de Condución

Por outro lado, Xotramu celebrou o pasado fin de semana os 20 cursos de condución segura que sortearan durante a celebración da súa Festa, que tivo lugar o 6 de xuño. Esta formación tivo lugar no circuíto de karting do Concello de A Pastoriza. Desde esta organización de Cospeito espérase poder repetir esta experiencia e organizar novos cursos para darlle cabida a todos os colaboradores de Xotramu.

Cultura