A Xunta agarda a proposta de NCG para definir o camiño a seguir

A Xunta agarda a proposta de NCG para definir o camiño a seguir

28 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

A análise da nova situación no ámbito financeiro imposta polo Goberno central, a aprobación do decreto de artes e aparellos, o desbloqueo do parque empresarial de Tomiño e unha nova inxección de 12 millóns de euros para a internacionalización das empresas galegas, foron os asuntos máis salientables no Consello da Xunta.

A Xunta está a espera da proposta que realicen os directivos de Novacaixagalicia para clarexar o camiño ante o novo escenario financeiro imposto polo Goberno central. Así o indicou o presidente da Xunta trala reunión do Consello, quen cualificou de “bandazos” os novos parámetros do Goberno e apuntou que  implican que o que era solvente fai 15 días, agora xa non o é. Núñez Feijóo mostrouse cauto á hora de anticipar o futuro da entidade, pero confía que Galicia acade o consenso dos axentes sociais, económicos e políticos para atopar a mellor solución.

O Consello aprobou tamén o novo decreto de artes e aparellos do mar, co obxectivo de lograr a mellor preservación dos recursos pesqueiros e marisqueiros en Galicia. Entre as novidades que presenta este novo decreto, que aportará seguridade xurídica ás artes, contémplase o establecemento dun número de artes por embarcación, cotas máximas de capturas, a regulación das capturas incidentais, a unificación  das nasas de nécora e camarón, a posibilidade de faenar no tempo de descanso en acontecementos sinalados e a de manter as artes caladas fóra dos períodos autorizados con meteoroloxía adversa.

Por outra banda, o Goberno galego desbloquea o parque empresarial no Baixo Miño, en Tomiño. Deste xeito, autorízase o gasto para urbanizar o parque, que abarcará 500.000 metros cadrados e que alcanzará no futuro un investimento total de 24 millóns de euros. O presidente da Xunta indicou tamén que tratarán de axilizar o proceso expropiatorio das fincas. Asemade, seguirán apoiando a internacionalización das empresas galegas cunha nova inversión de 12 millóns de euros.

Sociedade