A Xunta alerta de temporal ata a madrugada do domingo

A Xunta alerta de temporal ata a madrugada do domingo

02 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun episodio de metereoloxía adversa por fenómenos costeiros de nivel laranxa que afectará ao litoral da Comunidade Autónoma a partir de mañá, 3 de abril, e que xa afecta á costa coruñesa desde a media tarde de hoxe.

Segundo o pronóstico da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para hoxe, na costa coruñesa a mar será moi grosa, aumentando a moi grosa, mentres que nas provincias de Pontevedra e Lugo o nivel de alerta permanecerá en nivel amarelo. Dende as 00.00 h. do día 3, no noroeste e oeste da provincia da Coruña haberá mar de vento moi grosa transformándose en mar de fondo do noroeste que acadará ondas de 4,5 a 6 metros.

Pola súa banda, ao sudoeste da Coruña e na provincia de Pontevedra, a partir das 06.00 h. de mañá o mar de fondo do noroeste acadará de 4 a 5 metros, afectando especialmente a toda a zona mar adentro. Na provincia de Lugo haberá áreas de mar moi grosa e mar de fondo do noroeste de 4 a 4,5 metros, sendo a zona de Bares e mar adentro as mási afectadas.

Xa para o domingo, 4 de abril, manterase a alerta laranxa durante a madrugada con mar de fondo do noroeste con ondas de 4 a 4,5 metros.

Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos costeiros da Comunidade Autónoma, aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicas, aos servizos provinciais de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e aos clubs náuticos. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Sociedade