A Xunta de Galicia adxudica a unha mesma empresa campañas por un millón de euros

A Xunta de Galicia adxudica a unha mesma empresa campañas por un millón de euros

15 de Xuño, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Xunta acaba de concederlle a unha mesma empresa de publicidade a execución de dúas campañas  institucionais por valor dun millón de euros e cunha semana de diferencia.  J&J Publicidad y Comunicación, unha empresa publicitaria de Vigo, recibiu o 15 de maio 194.000  euros da Secretaría Xeral de Medios e o 22 de maio, outros 820.000 máis da Consellería do Medio Rural, segundo informa o xornal dixital Galicia Confidencial.

O obxectivo dos contratos son executar campañas que xa apareceron aprobadas pola Xunta en xaneiro deste ano.  Así, e segundo recolle o DOG, o pasado 15 de maio, a Secretaría Xeral de Medios formalizou con J&J Publicidad y Comunicación  o contrato administrativo de servizos para a elaboración dunha creatividade necesaria para o desenvolvemento das distintas campañas institucionais en datas de especial relevancia nos anos 2015 e 2016.
 
Xustamente unha semana despois, a mesma empresa recibía, desta volta, por parte da ecretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, a formalización do contrato do servizo consistente no desenvolvemento da campaña publicitaria Produtos de Galicia: a calidade como valor de referencia para a promoción, sensibilización, comercialización e venda de produtos de alimentación.
 
Segundo a súa web, esta empresa traballa habitualmente coa Xunta de Galicia, xa que a maior parte dos traballos que publicita están relacionados co Goberno galego. Tamén ten outros clientes como Pizza Móvil, Mexillón de Galicia ou o Concello de Vigo.
 
A Xunta leva gastados 6,5 millóns en medios estes meses
 
Hai uns días coñecíase unha nova subvención aos medios de sempre por máis dun millóns de euros. En total, nos últimos meses, o Goberno de Núñez Feijóo leva gastados, cando menos, 6.5 millóns de euros neste tipo de convenios. As últimas axudas chegan, ademais, logo cun gran batacazo eleitoral do PPdeG, coa perda de tres cidades e dúas deputacións, ademais de numerosos concellos.
 
As últimas subvencións foron ordeadas pola Secretaría Xeral de Medios en dúas convocatorias diferentes. Así, nunha delas decidiu ampliar o crédito inicial das axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radidifusión en 540.000 euros, de forma que o importe total que recibirán os medios tradicionais será de 1.675.000 euros.

Sociedade