A Xunta paraliza residencias da terceira idade, segundo denuncia o BNG

A Xunta paraliza residencias da terceira idade, segundo denuncia o BNG

12 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego dirixida á Xunta para pedir que 'empecen a funcionar' as residencias de Sogaserso nos municipios de Monforte, Viveiro, Vimianzo e en Ourense, que permanecen 'paralizadas' a pesar de estar concluídas hai 15 meses.

Segundo explicou o Bloque nun comunicado, esta "paralización" responde á "insistencia" do Partido Popular en "borrar" calquera "pegada" dos nacionalistas en materia de servizos sociais e á "incapacidade de xestión" demostrada pola Xunta.

O portavoz nacionalista tamén explicou que, tras a "venda" da participación da Xunta (45 por cento) en Sogaserso, publicáronse as resolucións que "recollían" a licitación por concurso "aberto e urxente" da "reserva e ocupación" nestas residencias.

Funcionamento do servizo

Ademais, Aymerich sinalou que a propia conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o pasado 21 de xullo, declarou que este concurso era "un mero trámite" para que Sogaserso iniciase as xestións das residencias.

Finalmente, ante esta paralización o parlamentario preguntou polas medidas que adoptará a Xunta para "garantir" o funcionamento de todos os servizos, así como o dos centros de día e atención en pacientes como Alzehimer.

Sociedade