A Xunta promociona o Camiño de Santiago en Corea do Sur

A Xunta promociona o Camiño de Santiago en Corea do Sur

08 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Consellería de Cultura e Turismo presentou na illa coreana de Jeju a experiencia do Camiño de Santiago como ruta de peregrinación universal, no marco do Congreso Internacional de Rutas de Peregrinación e Sendeirismo que se celebra os días 7 e 8 de novembro. Este certame, que ten carácter mundial, conta con representación de Xapón, Alemaña, Canadá, Gran Bretaña, EE.UU, Nova Zelanda, Líbano, Francia, Australia, Su&iacu

A illa de Jeju acolle este encontro como anfitrioa xa que está a desenvolver unha rede de sendeiros denominada Jeju Olle. Como un dos atractivos deste evento, a organización contou coa presenza do co-fundador de Lonely Planet, Tony Wheeler, que na súa conferencia salientou o papel Camiño de Santiago como “unha das rutas máis importantes do mundo”.

Dinamización turística

Na súa intervención, a xerente de Turgalicia, Carmen Pita, salientou o papel do Camiño de Santiago como elemento fundamental no “reequilibrio territorial nos 116 concellos polos que descorre a ruta e o impacto turístico”, xa que, ademais dos 200.000 peregrinos que camiñan a Compostela anualmente, “Galicia recibiu no último Ano Santo máis de nove millóns de visitantes”.

No eido da promoción turística, Carmen Pita puxo exemplos de comercialización e promoción da ruta xacobea. Así, explicou o funcionamento do programa Bono Iacobus, que permite facer o Camiño de Santiago e aloxarse en establecementos de turismo rural de Galicia. Este programa recibiu o premio de FITUR ao mellor produto de turismo activo. Ademais, destacou a iniciativa Balnearios no Camiño, outro programa turístico que lles posibilita aos peregrinos o aloxamento e o goce de tratamentos termais nas instalacións balnearias próximas ao Camiño de Santiago a prezo vantaxoso.

A xerente de Turgalicia explicou tamén en Corea a iniciativa Vive Galicia, desenvolvida pola Secretaría Xeral para o Turismo en colaboración coas axencias de viaxe galegas, a través da que se comercializan paquetes turísticos relacionados co Camiño de Santiago. En total, dentro desta iniciativa de comercialización turística, oito axencias ofrecen este ano dez paquetes turísticos conformados por experiencias, aloxamento e comida para gozar nas diversas rutas que atravesan Galicia.

Doutra banda, Carmen Pita referiuse na súa intervención ao proxecto europeo Loci Iacobi, que desenvolve a Secretaría Xeral para o Turismo, centrado na investigación, dinamización turística e cultural vinculada ao Camiño de Santiago nos territorios socios do proxecto –España, Portugal e Francia- , e Ultreia, que pretende promover o Turismo sustentable no ámbito cultural, relixioso e patrimonial relacionando as rutas marítimas e interiores a Compostela. Por último, a xerente de Turgalicia explicou o concepto Xacobeo e detallou os aspectos máis salientables da celebración do último Ano Santo en Galicia.

Sociedade