A Xunta teima nas eivas legais do concurso eólico do bipartito malia o aval do TSXG

A Xunta teima nas eivas legais do concurso eólico do bipartito malia o aval do TSXG

24 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

A Xustiza pon en solfa o conflito eólico entre PP e Goberno bipartito que rematou coa derrogación do concurso orixinal e a súa substitución por unha nova orde e adxudicación en canto os conservadores accederon ao Executivo galego. Agora o BNG, promotor daquel primeiro procedemento para regular a explotación da enerxía do vento, reclama a dimisión do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e as explicacións do presidente Albert

O deputado do BNG, Henrique Viéitez, coida que agora a situación deu a volta e lembrou que a resolución eólica do actual Goberno foi cuestionada por algunhas empresas, que demandaron a súa paralización. O parlamentario sinalou que a desestimación do concruso do bipartito supuxo a “destrución de máis de 3.000 postos de traballo” e consecuencias económicas que “aínda non se poden calcular”. Mesmo aventurou que haberá “novas reclamacións de prexudicados” pola actuación da Xunta do PP. Por todo isto, Viéitez reclamou a dimisión do conselleiro de Economía, Javier Guerra, ao que acusou de “prepotente” e demandou a comparecencia na Cámara autonómica de Núñez Feijóo para dar explicacións.
Dende o PSdeG asegúrase que esta sentenza do Tribunal Superior implica que aquelas empresas que foran beneficiadas no concurso do bipartito, para despois ficar sen nada trala nova resolución do Goberno actual terán que “ser indemnizadas”, cando menos pola presentación dos proxectos, que o deputado José Luís Méndez Romeu valora nuns 30.000 euros por empresa. O representante socialista agoirou que coa “lea xurídica” que se lle presenta á Administración Feijóo “no resto da lexislatura xa non se vai facer nada”. Méndez Romeu coida que agora está claro que os motivos do PP para derrogar o anterior concurso eólico non foron xurídicos, senón “políticos”. 
O Grupo Parlamentario Popular desbotou que haxa problemas para desenvolver as actuais adxudicacións, restando tan só que o Estado “autorice os fondos para pagar as primas que fagan viable o desenvolvemento dos investimentos industrias asociados” que lle se requiriron ás compañías beneficiarias. Ademais, lembran que aínda é posible que Enel poida continuar co preito contra o vello decreto “noutras instancias superiores”. Horas despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitaba que a sentenza da Corte galega bote sombras de legalidade sobre o concurso vixente, lembrando que vén apoiado por unha lei emanada do Parlamento que “dá garantías”. 
O titular de Economía e Industria non está disposto a formular a dimisión que lle pedían os nacionalistas porque, segundo explicou, “a Xunta actuou con sentido común e honestidade”. Malia a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Guerra teima en que o Goberno contaba con informes xurídicos que alertaban de problemas de legalidade no decreto orixinal e que, de mantelo, a Administración podería ficar exposta a unha situación “gravísima”. Ademais, e na mesma liña que Feijóo, asegurou que grazas a que hai unha lei detrás, as adxudicacións actuais contan con “blindaxe xurídica”. 
Institucional