A Xuntanza de Palilleiras de San Valentín cambia de rumbo

A Xuntanza de Palilleiras de San Valentín cambia de rumbo

14 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O CPS de San Valentín non volverá organizar a Xuntanza de Palilleiras. A partir de agora serán os membros da Asociación Cultural O Tadetas, xunto coas alumnas da escola de palilleiras do barrio fenés, quen se ocupe do encontro.. O evento dábase por perdido para este ano pero, ao remate, celebraráse o sábado 12 de xuño.

A Xuntanza de Palilleiras de San Valentín naceu hai quince anos por iniciativa dun grupo de mulleres pertencentes á escola de palilleiras do Centro de Promoción Social do barrio. Con este encontro pretendían “recuperar e fomentar a fermosa tradición de dar forma ao fío por medio da creatividade e das súas mans”. Co paso dos anos, e grazas ao respaldo das distintas directivas do CPS, a Xuntanza foi medrando en calidade, en cantidade e tamén en recoñecemento social.

A partir deste ano, a Xuntanza de Palilleiras de San Valentín será organizada pola Asociación Cultural O Tadetas e a Escola de Palilleiras do CPS e xa se anuncian algúns cambios con respecto a edicións anteriores. O primeiro e máis importante é que será un encontro máis austero. Limitarase únicamente á xornada de convivencia das palilleiras e non haberá nin desfiles "nin pantallas xigantes", aínda que sí se manteñen as tradicionais exposicións das escolas da entidade.

Como novidade e atractivo engadido, a Asociación Cultural O Tadetas está a organizar para esa mesma fin de semana -días 12 e 13 de xuño- a “Feira Medieval de Artesanía”, con postos de exposición, venda e demostracións do traballo dos artesáns da comarca.

Con estes dous eventos, o barrio de San Valentín (Fene A Coruña) volverá converterse en foco de atracción cultural e social na segunda fin de semana de xuño.

Sociedade