Yellow Pixoliñas, outra contribución ao bravú desde Monforte de Lemos

Yellow Pixoliñas, outra contribución ao bravú desde Monforte de Lemos

23 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

A lingua galega por bandeira, compromiso co rural, a cultura da terra e a crítica social. Estas son as premisas do movemento bravú que nacía a comezos dos 90. Baixo elas xorde no 1987, en Monforte de Lemos, outro dos grupos senlleiros deste movemento musical e cultural, os Yellow Pixoliñas. Tico na voz, Ton e Juan na guitarra, Tito no baixo e Xavier á batería deron forma á banda. q

Un dos mellores trampolíns para a música galega, especialmente para o bravú, alá no comezo dos 90 foi o Xabarín Club, no que se deron a coñecer himnos que están na nosa memoria como “Quero Xamón” de Aerolíneas Federales, “Que ghallo é” dos Herdeiros, “Oda ó futbolín” dos Diplomáticos, ou “Telexornal” dos Yellow Pixoliñas, tamén incluído no seu disco debut.

Dous anos despois, en 1994, Tico, Ton, Franki, Tito, Xavier e Thierry editan da man de Sons Galiza o seu segundo longa duración Lacón Lover no que contan con Alberto Torrado de Siniestro Total e Os Resentidos na produción. A banda segue a apostar polo agro-rock con cortes como “Merda na Zoca”, “Patacas blues” ou “O galo vermello”. Este último tema é o que abre o segundo traballo dos Yellow Pixoliñas. Nel contan coas voces de Antón Reixa e Xurxo Souto. Rock, blues, country e ata reggae inclúe outro dos cortes, “Oh Hanna”.

No ano 96 entrégannos a súa terceira gravación Non pises a herba, segundo a crítica, o seu disco máis frouxo. Nel inclúese toda unha declaración de principios “Plantemos Herba”. Os de Lemos deixan a un lado a vea country e blues e apostan de cheo polo rock e a mestura de novo de galego e inglés.

Non obstante, ademais dos temas incluídos nos seus tres traballos, Yellow Pixoliñas volven facer dúas achegas ao repertorio do Xabarín Club: “O Home da bicicleta” e “Xabarín xa te vin”, que a discográfica Boa edita no volume 1 e 2 dos compilatorios do club da galega.

En 1996 Yellow Pixoliñas din adeus, pero os seus membros seguen a alimentar a sede musical, é o caso de Thierry e Franki que forman parte de Doc Magoo´s ou Tico que participou en Lapanaback.

Dez anos despois da súa retirada, en 2006, Monforte de Lemos rendeulles homenaxe cun concerto no que participaron o tamén monfortino Xosé Manuel Pereiro de Radio Océano e o alma mater dos Pixoliñas, Tico.

Cultura